Con nostalxia transpirando por todos os poros achegueime o pasado sábado ao Pavillón de Deportes de Saga, para visitar a 4ª edición de RetroCoruña, evento de referencia en Galicia, que xunto con ExpOtaku permítenos achegarnos a unha serie de ordenadores e consolas de videoxogos que podemos considerar como clásicos.
O pavillón contaba cunha zona apartada para a proxección audiovisual, e unha parte central na que se repartían mesas para a compra de xogos, consolas e accesorios (para coleccionistas), artesanía inspirada na cultura do píxel (para todos os públicos), consolas para goce dos asistentes e unha impresionante exposición de equipos que superaban os 25 anos.
Abrían a zona expositiva os ordenadores tipo Commodore 64, xunto con parentes próximos como o VIC20, o que era unha boa mostra do que poderiamos ver na seguinte mesa.
Para min era especialmente rechamante a mesa na que estaban equipos pouco coñecidos como o ALICE, o ordenadores de Robotron e incluso a versión asiática do mítico BBC Micro, ordenador que no Reino Unido intentou sen éxito ocupar o lugar que finalmente conquistou o ZX Spectrum tal e como puidemos ver no filme televisivo Micro Men (que por desgraza aínda non editaron en DVD ou Blu-ray para poder conservalo dignamente).
Non faltaban algúns vellos clons do ZX Spectrum e mesmo un Dragon 32, polo que os seareiros dos ordenadores dos anos 80 podían atopar alí con bastante probabilidade o primeiro equipo ao que puideron pór as poutas enriba no seu día.
Pero non podemos esquecer que a edición deste ano de RetroCoruña estaba dedicada especialmente a celebrar o 30º aniversario do ZX Spectrum, polo que xa na entrada estaba dispoñible para a súa venda o libro de ilustracións de Azpiri do que falei por aquí hai uns anos e tamén o (que merquei no seu día en dixital, para poder gozar das súas imaxes en cor). Non piquei coas láminas de Azpiri… porque non teño onde poñelas, que se non…
E do ZX Spectrum, ¿que podiamos ver alí? Pois dende os primeiros ordenadores coas teclas de goma, ata os seus accesorios, como os teclados numéricos externos, os adaptadores para conectar mandos ao equipo e incluso unha Gun-Stick que servía para pegar tiros en televisores de tubo. Eu mercara unha, e hai que admitir que non compensaba moito, pois tiña un catálogo de xogos moi reducido e un grande problema: as partidas remataban, non cando fallaba a puntería, senón cando comezaba a durmírseche o brazo de telo en alto tanto tempo (en serio).
Pero o mellor de todo chegaba ao final da exposición, onde xunto a un grupo de revistas Micro Hobby (á que estaba subscrito) estaba un ZX Spectrum +2 dos grises (como o que tiña), xunto a un modelo negro (coñecido como +2A, pero sen indicar o A de xeito visible) e a un ZX Spectrum +3 (que tiña unidade de disco de 3 polgadas, das que permitían gravar un xogo por cada cara).
Eses equipos si que me trouxeron recordos, e foron os que marcaron 1987, sendo claros impulsores desa época na que a produción de videoxogos en España estaba á altura do consumo que se facía dos xogos, algo que hoxe está moi lonxe de acontecer (aínda que hai que recoñecer que temos unha produción maior do que pensamos).
Debe estar conectado para enviar un comentario.