30 anos do ZX Spectrum

En febreiro de 1987, tras unha operación na que me extirparon a vesícula biliar, regaláronme un ZX Spectrum +2, curiosamente no momento máis oportuno posible, pois estaba a ter...

ZX Spectrum +2
En febreiro de 1987, tras unha operación na que me extirparon a vesícula biliar, regaláronme un ZX Spectrum +2, curiosamente no momento máis oportuno posible, pois estaba a ter lugar unha revolución (os prezos dos xogos baixaban de 2.500 a 875 pesetas) que deu lugar ao que se coñece como a Idade de Ouro do Software Español, na que compañías como Dinamic e Opera puxeron a España no mapa europeo dos videoxogos, aínda que en 1990 produciuse unha devacle provocada pola chegada de equipos máis potentes (Atari ST, Commodore Amiga e o PC) ou dedicados (as consolas de videoxogos domésticas comezaron a atopar sitio nos fogares), que facía que desenvolver xogos xa non fose posible entre 2 ou 3 persoas, polo que había que montar estudos de videoxogos en serio, algo que non parecía posible en España.
Portada da revista MicrohobbyPero entre 1987 e 1989 puidemos gozar de moitísimos videoxogos de calidade, aínda que posiblemente o mellor era a súa diversidade, pois tiñamos títulos novos todas as semanas, e incluso unha revista semanal especializada no mundo do Spectrum (Microhobby) que conseguiu manterse nos quioscos ata xaneiro de 1992 (cando xa estaba claro que o Spectrum estaba morto).
Foron grandes tempos, nos que os ordenadores domésticos permitían gozar no fogar dun sucedáneo das máquinas recreativas, e de moitos xogos orixinais entre os que destacaban obras de arte como La Abadía del Crimen, iconas da época como Fernando Martín Basket Master, aventuras gráfico-conversacionais como Don Quijote e xogos de extrema dificultade como Army Moves. ¿Era unha época mellor para os ordenadores e os videoxogos? Decididamente non: os equipos eran malos (usar un televisor como monitor non é precisamente o mellor para a vista) e os xogos eran de consumo rápido. ¿Paga a pena lembra esa etapa? ¡Sen dúbida! Aínda que só sexa para lembrar que é posible crear unha industria do lecer electrónico dende unha esquina de Europa. A finais dos anos 80 os mellores xogos de ordenador eran ou británicos ou españois, polo que queda claro que aquí temos talento (o que falta é industria).

Doodle dedicado ao Spectrum¿Por qué lembro hoxe ao meu querido Spectrum gris? Pois porque tal día coma hoxe en 1982 chegou ao mercado o ZX Spectrum de Sinclair, en versións de 16 e 48 Kbytes, polo que é un momento ideal para renderlle tributo, como fixo Google no Reino Unido, dedicándolle un doodle caralludo no que mataron 2 paxaros dun tiro: representaron o enfrontamento de San Xurxo e o dragón coma se fose unha imaxe nun ZX Spectrum (con todas as limitacións gráficas do equipo: imaxe de 256 x 192 píxeles con só 2 cores en cada bloque de 8 x 8). Vaia, que a onomástica do meu irmán e o aniversario do equipo que me enredou no mundo da Informática coinciden no tempo. Unha fermosa coincidencia.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS