Onte tiven a fortuna de poder asistir ao segundo aniversario da LaconNetwork en Arteixo, no que foi unha das mellores edicións do encontro, aínda que igual cun formato que está un tanto afastado do aire informal deste tipo de eventos, pero do que coido que gozamos todos os participantes dun xeito ou outro.
Pero do que quería dar conta no blog é da cantidade de trebellos que podían verse no Centro Tecnolóxico de Arteixo, cantando especialmente o tablet U97, que podiamos considerar como un fistro de pecador, por ser un dispositivo con Android 2.3 que disfraza o seu software de Android 4.0 e o seu hardware de iPad. ¡Nin Gotenks chegaba a tanto!
Tamén foi unha gozada ver o ben que ía a última versión do Slot Racing no Galaxy Nexus do seu autor, Alberto Ruibal. Un grande xogo nun grande móbil.
Aínda que para grande, o Galaxy Note, un dispositivo que resístome a chamar móbil polo seu inmenso tamaño. Para min é unha PDA moderna, que incluso admite a entrada de texto escrito con lapis.
Si, ver a alguén falando con semellante trebello na orella dá unha impresión moi rara, pero ao final parace que iso do tamaño dos smartphones é algo que só estará limitado polo tamaño dos petos dos pantalóns dos usuarios 😉
Aínda que a min ao ver semellante cacharro na orella véñame sempre á memoria un chiste un tanto malo:
– Manolo, chámote polo cortacéspede.
– ¡Carallo, que ben se oe!
E, pasando de hardware a software, Camilo Ameijeiras amosounos a aplicación móbil oficial da LaconNetwork, que por fin podemos descargar da App Store. Todo un carameliño que poderemos ver en distintos sabores en eventos futuros, grazas Bits for meetings (B4M).