Onte quedei impresionado polo poder de concatoria acadado polo MobileCONGalicia, encontro de desenvolvedores de aplicacións para dispositivos móbiles que congregou baixo o mesmo teito a uns 170 profesionais. Todos con ganas de emprender e compartir coñecemento, e que celebrouse no Edificio CERSIA de Santiago de Compostela, grazas en boa medida á colaboración da Concellaría de Turismo, Economía e Mercados da cidade, dirixida por Reyes Leis, a quen foi toda unha sorpresa para min ver alí (coincidira con ela durante a miña etapa en Correo TV).
A organización foi cousa de, entre outros, María Encinar e Martín Pérez, tendo que ser este último quen deu a cara para dicir que finalmente o evento carecía de conectividade Wi-Fi, o que foi todo un marronazo tanto para el como para o resto dos presentes, pois as redes 3G non eran capaces de aturar a tantos frikis con smartphones xuntos 🙁
Tampouco faltaron no evento figuras representativas do sector tecnolóxico como Miguel Silva de Blusens, quen logrou convencer a moitos dos presentes para adquirir o seu produto estrela, o web:tv, así como insistiu constantemente na necesidade de que os desenvolvementos que se fagan para móbiles teñan vocación de negocio (o que parece que moitos precisaban escoitar).
Pero houbo un trebello que eclipsou o web:tv, que non era outro que o flamante Galaxy Nexus que viña de gañar Alberto Ruibal (Mobialia) no Google DevFest Barcelona 2011. Era a envexa de todos os presentes, por poder catar ese terminal antes de que comezase a distribuírse comercialmente.
Tamén se achegou por alí Marcial Mouzo, para conectar en directo dende o evento coa Radio Galega. Quedou impresionando polo que se estaba a mover por alí, e incluso comentou que de saber que había tanta figura representativa do sector TIC galego terían reservado máis tempo de radio para falar do tema. É o que pasa coas primeiras edicións (os medios non eran conscientes de que o evento podía dar moito xogo).
A xornada rematou cunha competición de aplicacións chamada AppCircus na que concorreron proxectos interesantes como o Escucha y Aprende Inglés, PictoDroid Lite e Chove?.
Aínda que resultou rechamante que só un xogo se presentase a concurso. Foi o Absolute Defense de Sergio Martínez, quen de seguro achegará moitas sorpresas nos vindeiros meses.
Pero o que parecía cantado era o gañador da competición, ReallyLateBooking, aplicación para móbiles que permite facer reservas de hotel de última hora, que vai mellor cada día e que é todo un exemplo dun negocio real baseado en plataformas móbiles. Parabéns a Javier Pazos e compañía, e grazas por demostrar que dende Galicia é posible facer cousas así.
10 Decembro, 2011