¿Refuxio dixital? ¡Tururú!

O que está a pasar nos medios de comunicación galegos nos últimos meses está a ser realmente penoso, tanto dende o punto de vista laboral (xa que son moitos...

Camposanto dos medios galegos
O que está a pasar nos medios de comunicación galegos nos últimos meses está a ser realmente penoso, tanto dende o punto de vista laboral (xa que son moitos os xornalistas que van a parar á cola do paro con poucas posibilidades de poder volver ao sector) como dende unha visión como consumidor de información (a oferta está a reducirse considerablemente) e, por desgrazas, o tema volve á actualidade, co anuncio de que Xornal.com vai deixar de publicarse este mesmo ano.
Xa falara do peche da edición impresa de Xornal de Galicia, pero que Xornal.com dea a guerra por perdida foi toda unha sorpresa, especialmente porque hai cousa dun mes dende a publicación aseguraban que no seu futuro ían «coidar o contido dixital», o que non parecía moi difícil, pois o medio xa sobrevivía antes de dar o salto ao papel.
Pero, ¿por qué solto este tema? Pois simplemente porque síntome indignado ante a postura que están a adoptar os medios tradicionais, que disfrazan os seus fracasos empresariais de reestruturacións nas que avogan por un falso refuxio dixital, dando a entender que non pechan, senón que se adaptan aos novos tempos, o que é unha falsidade evidente.
Por exemplo, a finais de xuño Galicia Hoxe dicía adeus ao papel anunciando que mantería a cabeceira galiciahoxe.com, e o que aconteceu na práctica é que teñen unha web alimentada con contidos de axencias (e de ElCorreoGallego.es) pasados por un tradutor automático, ou sexa, que non é un espazo vivo, senón un zombi. Algo semellante pasou con A Nosa Terra, que tras anunciar que apostarían polo formato virtual, o que fixeron foi despedir ao seu persoal e manterse baixo mínimos cun produto que non é digno de responder a tal cabeceira.
Para poder facernos unha idea da caída que están a padecer os medios citados temos que Galiciahoxe.com comezou o ano no posto global 196.420 segundo Alexa, estando agora no 214.808 e, de considerarse só o tráfico do último mes, quedaría no 257.697, o que é unha caída significativa, que no caso de Anosaterra.org aínda é peor, xa que estaba no posto 280.334 en xaneiro, estando hoxe no 375.882 e tendendo ao 438.855 se miramos os tráfico do último mes. ¿Refuxio dixital? ¡Tururú! Os medios que foxen ao dixital van a menos, e en caída libre, o que non responde á carencia de cabeceiras en papel senón a que descoidan o seu produto, perdendo a confianza dos lectores. ¿Non estaremos a facer as cousas ao revés? ¿Non hai que mirar á Internet como o futuro en vez dun sistema de hibernación para agardar a que veñan mellor dadas?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Enredando nas noites de Luar

    Durante o verán na revista Código Cero publicamos unha entrevista a Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do Luar, e por se a alguén se lle pasou, pégoa...
  • A tradución automática invade a tenda de Kindle en galego

    Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • PSY segue moi vivo

    Hai moito tempo que o rapeiro PSY non ten un superéxito en YouTube, pero iso non quere dicir que desparecerse ou que estivese quieto, senón que é moi complicado...