Decepcionante estrea do Xornal de Galicia

En 2002 a web Xornal.com estreou un semanario gratuíto en papel que chega á caixa de publicidade do portal do meu edificio, pero a cousa non prosperou e rematou...

En 2002 a web Xornal.com estreou un semanario gratuíto en papel que chega á caixa de publicidade do portal do meu edificio, pero a cousa non prosperou e rematou desaparecendo.
En 2004 se retomou a idea do papel e se procurou lanzar o Xornal de Galicia, pero non prosperou por «diferenzas de criterio» entre Jacinto Rey (Grupo San José) e José Luis Gómez (Xornal.com).
E no verán de 2008 anuncian que finalmente o Xornal de Galicia sairá á rúa durante o outono, o que hoxe veñen de cumprir por apenas un par de semanas (o inverno está a chegar) e con certo retraso, pois se esperaba o seu lanzamento para o mes pasado, de aí que a campaña publicitaria de Retraso Cero se vira con certo recochineo.
Amais, anunciaran que a nova cabeceira de prensa ía aproveitar o peso de Xornal.com para comezar na Internet con bo pé, o que eu entendín como que ían aproveitar o nome de dominio para lanzar un medio acorde aos novos tempos.
Vaia, que estaba a ser moi optimista: esperaba un medio novo, moderno, cun uso axeitado da Internet, apostando pola nosa lingua e, como mínimo, distinto do que había no mercado. ¡Coitado de min!

lixeiro cambio estético no Xornal.com

De Xornal.com a Xornal.com (e tiro porque me toca)

Entre o luns e o martes consultei varias veces a web de Xornal para intentar rexistrar o momento no que a web cambiase radicalmente, para pasar dunha moldura xa veterana a un medio semellante ao que actualmente tiñan Vieiros ou Galiciae e, en cambio, atopei que o único que facían era cambiar certos gráficos identificativos, ou sexa, para colocar o logotipo da publicación de papel na súa suposta versión dixital.
A cousa aínda era peor, pois durante a mañá do martes aínda estaba visible a web de Xornaldegalicia.com coa mensaxe do 31 de xullo anunciando a preparación do novo medio (coido que non redirixiron a Xornal.com ata a tarde).
¡Menuda oportunidade desaproveitada! De crear un novo medio o lóxico sería facer unha firme aposta pola Rede coma Público, Soitu ou mesmo o gratuíto ADN, especialmente ao ter en conta que os medios impresos se teñen que enfrontar a un futuro moi negro, e todos están a apostar pola Internet para sobrevivir. ¿Por qué o Xornal de Galicia fai xusto o contrario?
Como mínimo pediríalles que eliminase da web as auto-ligazóns, que pasaron de moda hai 10 anos, e lo normal nun medio de comunicación é que o hipertexto estea creado por persoas e non por máquinas (as ligazóns automáticas carecen de utilidade e incluso resultan molestas para o usuario).

Xornal de Galicia

Diario en papel… ¿ou en papiro?

Pola mañá fun cedo ao quiosco para ver cómo era o novo xornal. Estaba emocionado. Pero ao comezar a pasar as follas non paraba de ver unha maquetación carca e aburrida que me lembraba a La Voz de Galicia hai 15 anos, o que non acabo de entender, pois sen ir máis lonxe a maqueta de El Progreso é sobradamente superior. ¿Acaso un novo medio non debería ser máis moderno que unha cabeceira centenaria?
Os que tiñan esperanza en atopar un medio en galego ou cunha forte presenza do galego nas súas páxinas tamén verán as súas esperanzas frustradas, pois nas páxinas do diario vin que só aproximadamente o 25% dos artigos estaban en galego, cinguíndose especialmente a columnas de opinión e información política ou analítica sobre Galicia, de xeito que no resto de informacións o español impera.
Tampouco gustei do feito de que só a metade do xornal fose a toda cor, vaia, que non parece que estean a poñerlle as cousas moi difíciles a La Voz.

Caderno de lanzamento de Xornal de Galicia

Magnífico caderno de lanzamento

Cando falaba do diario estaba a referirme concretamente ao que chegará de luns a venres aos quioscos, pero non así aos suplementos, que á vista do caderno de lanzamento prometen ser magníficos.
Polo que puiden ver, os suplementos teñen unha maquetación moderna, cun apoio gráfico fresco e orixinal, e con todo o que parece que lle falta á publicación ordinaria, polo que co paso do tempo a cousa podería cambiar, e incluso poderiamos falar dunha publicación de peso de cara ás fins de semana (que parece ser ao que aspiran os xornais hoxe en día).

Xornal de Galicia nos conect@

Dende a edición impresa fan referencia a que aceptan contribucións no enderezo de correo conecta@xornaldegalicia.com, o que non deixa se ser curioso porque o dominio oficial da publicación debería ser Xornal.com, pero a cousa vai a peor porque na edición dixital din que para tal fin hai que escribir a suxerencias.novas@gmail.com (¿non debería ser suxestions@xornal.com ou conecta@xornal.com?) ou comentar a entrada correspondente.
Queda por ver se van tomar en serio aos lectores, algo que supoño que se limitará a seccións tipo cartas ao director e vista do tradicional que parece o novo xornal.

Detalles rechamantes

Berto sae ao pé dunha das páxinas do caderno de lanzamento

Pareceume valente o artigo da subdirectora do Xornal de Galicia, María Val, defendendo a sostibilidade do medio; Antonio Sanguiao lembrou aos lectores que Xornal.com cumpre hoxe 9 anos de vida; Antón Lezcano ilustra un par de páxinas cos seus orixinais deseños; Berto Yáñez sae nun dos pés de páxina (aínda que os maquetadores non deberon decatarse de que a impresión dos xornais non é da mesma calidade que a das revistas, porque puxeron as caras das persoas moi pequerrechas, e sen definición non se recoñece á metade da xente); María Yáñez fai un excelente texto titulado Televexo Ficción no que rememora a historia da TVG e fala do «ano indefinido en que remata Luar» (¿rematará realmente Luar?); José Manuel Rey Nóvoa, director de El Correo Gallego, fai un manifesto a favor da Cidade da Cultura, o que sorprende por facelo fóra da súa publicación, aínda que non resulta tan raro se o entendemos coma unha indirecta a La Voz; Arturo Dopico, director xeral de R, fala do seu interese por achegar a banda larga ao rural a través de tecnoloxías de comunicación sen fíos; e o deseñador do Xornal define o seu traballo dando a entender que á hora de ser creativos poden estar á altura (aínda que o terán que demostrar). Entre as imaxes que ilustran o deseño colocan unha que agardo que non sexa real, pois vai co titular «Hellboy, Batman e Ironman arrasan en las carteleras» cando Hellboy non se come nada nos cines (apenas cubre custos, aínda que logo arrase en DVD) e o Home de Ferro se escribiría Iron Man (moitos o escriben mal, como tamén poñen Spider-Man sen guión).

prometedora maquetación

Futuro incerto

Ao final quero deixar claro que o lanzamento de Xornal de Galicia me decepcionou porque esperaba moito da publicación, e atopei máis do mesmo. A cousa pode cambiar moito nos vindeiros meses, polo que non se pode dar nada por sentado, pero vexo moi complicado que poida facer fronte a La Voz de Galicia, principalmente porque vexo que o novo xornal é moi de papel, mentres que La Voz ten moito potencial multimedia (forte presenza na Internet, unha emisora de radio en funcionamento e unha televisión autonómica en preparación).
Paréceme imposible que un medio se poida manter só co papel, especialmente se sae da nada e ten que loitar contra a inercia dun xigante como La Voz, polo que agardo que cando menos a versión web do Xornal cambie profundamente nos vindeiros meses (¿quizais para o Día das Letras Galegas?) pois senón dubido que poida sobrevivir aos comicios electorais en cernes (as autonómicas e as municipais).
Non sobra quen pensa que este novo medio non vai durar máis de 2 anos, pero iso nunca se sabe. Se saben xogar ben as súas cartas poderían manterse a longo prazo. Agardemos que teñan sorte neste interesante proxecto.

¿A liña editorial?

Sobre iso é moi difícil especular, pois pode ser algo cambiante, e polo momento parece que non se mollan, se nos cinguimos ás portadas de prensa de hoxe:

Portadas do martes

Vaia, que parece que Xornal de Galicia é a única cabeceira que non ten novas sobre a crise económica en portada. ¿Será que quixeron comezar sendo positivos? ¿Ou será esa a súa liña editorial?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS