LaVozdeGalicia.es alonga a vida de Manuel Fraga

Dende cativo veño escoitando que cando chega a falsa nova da morte de alguén estase a alongar a súa vida, e parece que hoxe as redes sociais están a...

Dende cativo veño escoitando que cando chega a falsa nova da morte de alguén estase a alongar a súa vida, e parece que hoxe as redes sociais están a facer que Manuel Fraga vaia estar moitos anos entre nós grazas a un descoido da edición dixital de La Voz de Galicia, que deixou visible unha proba de obituario no que empregaron como exemplo a figura do ex presidente da Xunta:
proba de obituario de Manuel Fraga en La Voz de Galicia
Pese a que había rumores de que podiamos estar ante un retoque fotográfico, a persoa que publicou a captura de pantalla asegura que a imaxe é auténtica, aínda que agora xa taparon o erro, dende La Voz amosaron a súa sorpresa en Twitter, pois non esperaban que ninguén atopase o enderezo dunha páxina web á que non había ligazóns na web.
Pero, ¿é realmente grave esta metedura de zoca? Eu diria que para nada, non deixando de ser unha mera anécdota, pois a meirande parte dos medios de comunicación de certa entidade preparan con tempo os obituarios de figuras públicas como presidentes, líderes relixiosos, deportistas de elite… (para poder publicalos de xeito case inmediato no caso do seu pasamento) e incluso houbo algún accidente que fixo moito ruído no pasado como a publicación do obituario de Steve Jobs por parte de Bloomberg ou o anuncio da morte de Rupert Murdoch tras unha intrusión nos servidores de The Sun por parte de xente de LulzSec.

Vendo como hoxe saen novas que apuntan a un ERE que afectará a 2.500 traballadores de Prisa, o 20% dos traballadores do diario Público irán á rúa, Don Balón está nunha situación crítica (esperan manter a publicación mudando a súa periodicidade a mensual) e elEconomista.es segue os pasos dos anteriores, ¿cantos serán os medios de comunicación que pese a ter redactado o obituario do ex presidente da Xunta verán como Manuel Fraga os enterra?
ThrillerTeremos que afacernos a ver como desaparecen cabeceiras que existiron toda a nosa vida, pois ao final os medios están tan vivos como as persoas e, por tanto, son igual de vulnerables; e aínda que digan que hai que adaptarse ou morrer, sorprende ver a cantidade de zombis que aínda circulan polos quioscos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS