Adeus ao Xornal de Galicia (deixémolo ir)

En decembro de 2008 a páxina web Xornal.com facía a súa segunda achega ao papel, desta volta con periodicidade diaria, no que no seu día considerei como unha decepción,...

Xornal de Galicia
En decembro de 2008 a páxina web Xornal.com facía a súa segunda achega ao papel, desta volta con periodicidade diaria, no que no seu día considerei como unha decepción, pola súa maquetación aburrida, unha estratexia que parecía fuxir da Internet (que foi a peor menos dun ano despois, cando decidiron retrasar a publicación na web das súas poucas novas en exclusiva) e, pese a ter un nome en galego, limitar a presenza da nosa lingua a menos da cuarta parte dos seus artigos (e practicamente sen deixar que o galego fuxa das seccións de opinión, cultura e información política autonómica). Vaia, que négome a dicir que co seu peche (en papel) quedamos con menos prensa en galego como din algúns, pois considero que Xornal deixaba á nosa lingua nun segundo plano (chega con ver que o titular de portada saía case sempre en español).
Penso que era un medio que non engadía nada, e pese a que non paran de dicir que resultaba incómodo para a clase política, dubido que fose así, pois a cabeceira en papel era bastante irrelevante (coido que a relevancia que tiña viña precisamente da súa edición en liña, algo que moitos néganse a ver). Se ben, tiña seccións coidadas (precisamente as máis propias dun semanario), non podía competir en información co resto de publicacións que había no quiosco, e polo que se rumoreaba (non auditaban a súa tiraxe) tiñas unhas vendas realmente ridículas (nos quioscos que frecuento non vendían ningún exemplar). Fálase de que non chegaba aos 700 exemplares vendidos (seica o penúltimo número non chegou aos 400 exemplares vendidos en quiosco), e de ser así resulta evidente que editar o xornal é unha ruína (especialmente porque carecía de anunciantes), aínda que tamén indicaría outras cousa: non captaba a atención do público, posiblemente porque o seu target xa levaba tempo empregando a Rede como fonte de información, e volver ao papel sería un paso atrás.

Morte anunciada

A xente do sector xa falaba do peche de Xornal de Galicia dende o seu primeiro número; incrementándose o ruxerruxe despois de que o BNG saíse do Goberno da Xunta, pero ao parecer aseguraban que tiñan capital para poder operar 3 anos sen problema, o que finalmente vese que non é así, pois non chegou a decembro e, aínda que agora éncheselles a boca ao dicir que agora apostarán polos contidos dixitais, e dan a entender que The New York Times e The Wall Street Journal van facer o mesmo, cando non é algo que vaia acontecer a curto prazo, mentres que os exemplos que poñen de medios que pasaron a dixital son nefastos (trátase de cabeceiras en crise que sobreviven en dixital, pero quedando como unha sombra do que foron).
¿Por qué non falan ás claras? ¿Por qué ese erguer a cabeza sen admitir que van botar á rúa á meirande parte dos seus traballadores no mes de setembro? (Moita sorte a todos eles nas súas respectivas andainas) ¿Non queren admitir que Xornal de Galicia está a seguir os mesmos pasos que A Nosa Terra e Galicia Hoxe? Pero hai algo no que a xente tampouco reparou ben: os medios que están a pechar nestes últimos meses non existían hai 10 anos (se entendemos que o semanario A Nosa Terra naceu en 2007, pese a que a cabeceira xa era centenaria), ou sexa, que deron os seus primeiros pasos nun momento no que a prensa xa estaba en recesión, polo que as súas empresas eran extraordinariamente arriscadas.
Pero se queremos coñecer máis detalles sobre o peche de Xornal de Galicia e as súas cousas, nada mellor que botar un ollo ao artigo sobre a crise nos medios en Galicia publicada por McShuibhne en Las Partículas Elementales, e así entenderemos que moitos dos medios que están a abandonar os quioscos igual é que nunca deberon de chegar aos mesmos. De feito, 2 das 3 publicacións falecidas dependían do mesmo capital, do que resulta doado deducir que a súa xestión sería unha auténtica catástrofe (¿cómo era posible que un xornal que chegou a perder 4,4 millóns de euros nun ano seguise editándose?).

Futuro incerto

Vai parecer que teño algo en contra do Xornal de Galicia, cando non é así (mesmo teño amigos entre os seus colaboradores). Simplemente non entendín que lanzasen a súa edición en papel hai 2 anos e medio, e as consecuencias desa tolería poden ser un lastre para outros proxectos nos vindeiros anos (¿que empresario vai apostar por investir en medios de comunicación se os ven como un sumidoiro de cartos?). O peor de todo é que con este vai e vén, o medio contratou a unha chea de profesionais que agora teñen un futuro incerto. Tanto na súa etapa totalmente dixital como na de papel coincidín con traballadores de Xornal, e son xente á que nalgún caso en concreto tiña aprecio, polo que dóeme ver cómo está a acabar todo. Algúns xa deixaron os seus cargos nos últimos meses, e en moitos casos van ter que buscar unha saída laboral fóra do que entendemos como xornalismo (o que supón desbotar grande parte da súa experiencia laboral).
Esta crise (tanto da economía como da prensa) está a petar duro en Galicia, e sabendo que é inevitable que a prensa remate desaparecendo (aínda que tarde máis de 10 anos), só podo desexar que a transición sexa o menos traumática posible, e que poida crearse un ecosistema dixital sólido e sustentable que permita que teñamos información feita por e para galegos, na nosa lingua e falando do noso.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS