O V Campionato de Tirapedras que tivo lugar esta semana en Melide foi todo un éxito, como reflicte o comunicado que remiten dende a organización:
De notable éxito pode cualificarse o V Campionato de Tirapedras da Galiza Central celebrado en Melide no día de onte e no que participaron un total de 38 competidores, dos dous sexos e de todas as idades. Entre os participantes atopábanse tanto melidaos e melidás residentes como outras persoas que se encontran pasando as súas vacacións na comarca, e mesmo visitantes circunstanciais e persoas chegadas expresamente para participar no evento.O Campionato, que persegue contribuír á recuperación dos espazos tradicionais de xogo existentes no casco histórico de Melide, foi organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, contando co patrocinio do coñecido establecemento local Adega O Mandil, e co apoio do Concello de Melide e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira.
O gañador absoluto da presente edición do Campionato foi o experimentado tirador melidao Leoncio Loureiro Pillado, repetindo por segundo ano consecutivo o segundo posto o tamén veterano lanzador Manuel Mato. En categoría infantil, o gañador foi Paulo Varela, obtendo o segundo lugar Iago Segade, quen na última edición celebrada ocupara xa o terceiro posto.
Como novidade, neste V Campionato os tiradores non estaban obrigados a lanzar a unha diana concreta, pois podían estudar cada un a súa propia estratexia de competición. A diana que menos puntos outorgaba (1) era máis grande e polo tanto resultaba máis doado atinarlle, mentres que a outra das dianas existentes ofrecía máis dificultades, pero outorgaba 2 puntos por cada lanzamento acertado. Cada lanzador dispuxo dun total de seis intentos.
As persoas gañadoras foron os seguintes:
a) Menores de 14 anos:
1º Paulo Varela.
2º Iago Segade.
3º Serxio Caxide.
b) Persoas adultas:
1º Leoncio Loureiro.
2º Manuel Mato.
3º David Fernández.
Foi impresionante a cobertura informativa do evento, que saiu na meirande parte da prensa, e mencionouse en programas de radio e televisión. Un xeito de dar certa relevancia a Melide nunha semana na que media Galicia está en festas, o que ten aínda máis mérito.
Debe estar conectado para enviar un comentario.