Bruce Willis no papel de Hartigan en Sin City dicía aquilo de «el viejo muere, la chica vive. Me parece justo», pero o contraste de hoxe non parece tan xusto, pois a cadea de tendas PC City anunciou que vai pechar as 34 tendas españolas e botar á rúa a 1.224 empregados por mor da «progresiva caída do consumo», o que contrasta co feito de que mudase a súa tenda coruñesa do Mercado de Elviña ao novo Marineda City, que abriu as súas portas ao público hoxe mesmo (e no que curiosamente non teñen posto o 25% de desconto dos Días Morados, ou sexa, da liquidación camuflada da cadea a nivel estatal).
¿Ten sentido intentar medrar nun momento no que a compañía ten importantes perdas acumuladas? ¿E abrir un novo centro comercial nunha cidade no que xa abriron varios nos últimos anos provocando unha importante crise no comercio? Non esquezamos que Los Rosales ou o centro comercial do Papagayo están nunha situación crítica, mentres que Los Cantones Village (antes El Puerto) non chegou a despegar nunca. Ou sexa, que na Coruña os centros comerciais que funcionan ben hoxe parecen ser o de Cuatro Caminos e Espacio Coruña, mentres que o Dolce Vita parece sentenciado de morte coa apertura doutra superficie comercial a tan pouca distancia. De feito, non me sorprendería que a xente de Media Markt mercase o baixo que vai deixar libre PC City.
Non deixa de ser curioso que de hoxe ao sábado o Media Markt regale vales por valor do 25% das compras que se fagan alí, o que parece unha medida para achegar clientes nunhas datas que a meirande parte dos consumidores deixarían de lado ao Dolce Vita en favor ao Marineda City.
Pero deixando a un lado a discusión sobre a burbulla comercial en A Coruña, hoxe tiven que ir facer un recado a Marineda City (senón tardaría varias semanas en ir) e non pode evitar facer algúns comentarios:
– Os accesos están feitos un cristo, con obras, peóns cruzando por lugares perigosos, persoas intentando guiar aos coches… pero curiosamente ¡ningún atasco! O tráfico é bastante fluído, aínda que supoño que durante as vindeiras fins de semana vai ser criminal.
– O aparcadoiro é bastante bo, con prazas amplas e unha orde á que haberá que pillar o truco, pero con zonas que teñen acceso directo ao Hipercor, a Bricor e a outras áreas, de xeito que un pode mirar de aparcar onde lle cadre mellor para levar logo as cousas, o que é preciso facer porque o aparcadoiro é inmenso.
– Tecnoloxicamente é un auténtico desastre: ten pantallas informativas en distintos lugares que non parecen servir para moito máis que para rotar carteis estáticos (sería moito máis útil ter unha aplicación no móbil para non perderse), unha das pantallas dos cines amosaba ¡o escritorio de Windows XP!, pese a fardar de zona Wi-Fi non atopei redes abertas en ningures e, o peor de todo, é que a cobertura móbil é lamentable. Resulta practicamente imposible conseguir cobertura 3G dentro do centro comercial e en moitos currunchos (non só no aparcadoiro) chega a perderse de todo o sinal do móbil. Noutros centros comerciais teñen ese asunto arranxado (coido que no Corte Inglés o 3G vai a tope no aparcadoiro), e resulta fundamental, pois a xente non pode quedar incomunicada cando vai de compras durante horas… e digo horas porque Marineda City é xigante, o que podemos ver como algo bo ou como algo malo; cuestión de perspectiva.
Para os que criticaron que a publicidade de Marineda City deixaba de lado o galego, tamén podo comentar que vin carteis que estaban en galego e inglés. Espero que non fose porque ambas son linguas estranxeiras 😉
14 Abril, 2011
Debe estar conectado para enviar un comentario.