Estreas frikis para os vindeiros meses

Esta tarde Uruloki fixo unha recompilación de estreas cinematográficas para os vindeiros meses, polo que coido que é un bo momento para facer un repaso das películas frikis que...

Esta tarde Uruloki fixo unha recompilación de estreas cinematográficas para os vindeiros meses, polo que coido que é un bo momento para facer un repaso das películas frikis que están por chegar:

18 de marzo:
Soy el número cuatro (I’m Number Four) de D.J. Caruso
Tras as desfeitas a nivel comercial de Push e Jumper, atrévense a sacar outra película de rapaces con superpoderes. Crucemos os dedos.

25 de marzo:
Sucker Punch
Sucker Punch de Zack Snyder
Mozas atractivas e acción a mazo. ¿Pode fallar algo? Desafortunadamente si… pero visualmente promete ser impactante se atendemos ao que amosa o seu trailer:

4 de abril:
Invasión a la Tierra (Battle: Los Angeles) de Jonathan Liebesman.
Comoezamos cos títulos confusos. Agardo que a xente non confunda esta película con Ultimatum a la Tierra, e que se animen a ver o que promete ser un auténtico alucine de efectos especiais.
O anuncio que botaron na Super Bowl tería moi boa pinta se non fose pola excesiva presenza do Exército norteamericano:

Non entendo por qué chega case un mes despois que nos EE.UU. ¿Non dan aprendido?

8 de abriil:
Furia ciega (Drive Angry 3D) de Patrick Lussier
¡Tradución de título estupenda! E para colmo de males coincide coa película de Rudger Hauer en plan Zatôichi que botaron na televisión unha chea de veces. Iso é visión de mercado. ¿Tanto custaba deixar o título orixinal?
Un argumento bastante chungo, que fai que esteamos ante unha película das que ultimamente se lle dan tan ben a Nicholas Cage:

20 de abril:
Código fuente (Source Code) de Duncan Jones
¿Demasiado friki para o público en xeral? ¿Unha mestura de Origen (Inception) e Next? Para min é interesante, pero non poría a man no lume por ela. Xulgade polo seu trailer:

29 de abril:
Thor collendo a Mjolnir
Thor de Kenneth Branagh
A primeira película de Marvel do ano, e posiblemente a máis forte, da que en España imos a enchernos polo mero feito de que o seu protagonista, Chris Hemsworth, está casado con Elsa Pataky.
Na Super Bowl puxeron un anuncio da peli:

20 de maio:
Piratas del Caribe 4: en mareas misteriosas (Pirates of the Caribbean: On Stranger Tides) de Rob Marshall
¡¿Por queeeeeeé?! ¿Acaso as anteriores antregas da saga non tiñan a duración suficiente?

3 de xuño:
X-Men: Primera Clase
X-Men: Primera generación (X-Men: First Class) de Matthew Vaughn
Volvemos a escarallar o título. En España Primera Clase e non Primera generación. ¿Tanto custa consultar as traducións establecidas? Aínda que tendo en conta que na peli Charles Xavier vai ter pelo… supoño que o de respectar o cómic non está no guión.
ACTUALIZACIÓN (10-2-2011):A película xa ten trailer, e promete ser unha película moi na liña da saga de X-Men:

1 de xullo:
Transformers: Dark of the Moon de Michael Bay
E con esta, van tres. Non penso poñela de volta e media, porque estou case seguro de que irei a vela o día da estrea como fixen coas anteriores. Iso de ver a serie de debuxos animados cando era pequeno e de coleccionar os comics é o que ten…

15 de xullo:
Harry Potter y las reliquias de la muerte 3D (2ª Parte) (Harry Potter and the Deathly Hallows: Part II) de David Yates
Pouco podemos dicir desta película agás o feito de que vai ser unha das que máis cartos faga a nivel mundial, pois ao ser o fin desta historia de tantos anos a xente vai querer ver a conclusión. Pese aos cartos que faga nas salas comerciais, sospeito que vai facer moitos máis no mercado doméstico, pois permitirá que comecen a vender os típicos packs con todas as películas en DVD e Blu-ray, e de cara ao Nadal pode ser un bo agasallo (sempre que conteñan debidamente o prezo).

29 de xullo:
The Green Lantern de Martin Campbell
Como fiel lector do cómic, aínda non sei qué pensar da película. Son consciente de que é practicamente imposible plasmar o que fan os aneis dos Lanternas Verdes en pantalla, polo que os efectos especiais van decepcionar si ou si, pero teño moita curiosidade por ver se estaremos ante unha película de verán ou se sentará os alicerces dunha franquía sólida.
Coido que o trailer aínda non amosa imaxes finais da película:

Coido que a última película de animación do personaxe rematará sendo moi superior á de actores reais.

5 de agosto:
Captain America: The First Avenger de Joe Johnston
Dubido que funcione ben fóra dos EE.UU. unha película protagonizada por un soldado vestido cunha bandeira de barras e estrelas. É a peaxe a pagar para a película dos Vingadores. O seu anuncio da Super Bowl permítenos facermonos unha idea do que imos atopar neste filme:

2 de setembro:
Cowboys & Aliens de Jon Favreau
O director de Iron Man atrévese cunha frikada que pode ter unha boa acollida, aínda que non apostaría un can por ela.

7 de outubro:
Capitán Trueno e Sigrid
El capitán Trueno y el Santo Grial de Antonio Hernández
Despois das voltas que deron durante anos para facer esta película dubido que saía algo bo do asunto (¿Un novo Alatriste? ¿Ou un Águila Roja de alto presuposto?

21 de outubro:
The Thing (2011) de Matthijs van Heijningen Jr.
A recuperación deste clásico de Carpenter pode estar moi ben (ou ser unha trapallada, coma outros remakes que fixeron das súas obras).

28 de outubro:
Las Aventuras de Tintín
Las aventuras de Tintín: el secreto del Unicornio (The Adventures of Tintin: The Secret of the Unicorn) de Steven Spielberg
Parece que desta volta Tintín vai ter unha adaptación decente, en boa medida por deixar de lado aos actores reais, pois hai que entender que a aparencia dos personaxes era demasiado rariña para unha encarnación crible.

16 de decembro:
Sherlock Holmes 2 de Guy Ritchie
Con que estea na liña da primeira parte xa podemos darnos cun canto nos dentes. Perderá frescura, pero dá a impresión de que imos ter unha saga moi sólida.

Sen data fixada:
Conan de Marcus Nispel
Paul de Greg Mottola
Rise of the Apes de Rupert Wyatt
Pouco se sabe destas películas polo momento, o que non dá moi boa espiña. Vese que a acumulación de películas frikis no verán fai moito dano a certos produtos que quedan sen oco para unha estrea rendible. Supoño que Paul ou Conan caerán a finais de agosto, para aproveitar que xa pasaron varias semanas das estreas fortes.

Ao final parece que imos ter un 2011 chego de películas de efectos especiais e adaptacións de comics, confirmando a tendencia dos últimos anos, aínda que co perigo de que pinche algunha e poña en perigo produtos futuros.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS