¿Internet a 1 Mbps coma servizo universal?

Miguel López da Unión de Consumidores de Galicia falou este venres no Bos Días da TVG do que suporá a aprobación da banda larga a 1 Mbps coma servizo...

Miguel López da Unión de Consumidores de Galicia falou este venres no Bos Días da TVG do que suporá a aprobación da banda larga a 1 Mbps coma servizo universal en España en 2011:

Teño que coincidir en que 1 Mbps é unha conexión insuficiente para a Internet actual (chega para ler o correo electrónico e as novas escritas, pero non serve para o vídeo) así coma no feito de que teñamos os accesos máis lentos e caros da OCDE, pero tampouco podo omitir o feito de que Miguel esaxera nos largos de banda que hai noutros países e, aínda que en Corea do Sur e Xapón teñan uns accesos rapidísimos, iso non é así en EE.UU. (onde por termo medio están aínda peor que en España, pero a cousa cambia moito dun estado a outro) e en moitos países europeos. A velocidade media dos accesos á Rede na OCDE está nos 9 Mbps de baixada (moi lonxe dos 3,7 Mbps españois) pero onde si estamos a un abismo é na velocidade de subida, pois aquí temos unha media de 326 Kbps, mentres que a media da OCDE é de 1,6 Mbps, ou sexa, que temos a quinta parte da velocidade de envío de datos á Rede da que deberiamos, o que dificulta que publiquemos contidos na Internet, o que supón un auténtico atranco para a Sociedade da Información.

De todos os xeitos, coido que actualmente a Internet a 1 Mbps xa é un servizo universal dentro de certos límites, pois entre satélite (que agás a cota de alta, xa ten prezos competitivos) e comunicacións 3G cubren os lugares aos que non chega o par de cobre. Sempre haberá lugares aos que será complicado achegar o acceso á Rede, pero a eses sitios tampouco chega en moitos casos a auga corrente ou o saneamento, polo que tamén temos que procurar ser realistas. Penso que así, a declaración do acceso á Internet a 1 Mbps coma servizo universal non vai arranxar nada, pero será benvida aínda que sexa só coma mellora dos dereitos dos consumidores.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS