Bos Días aos robots e aos subtítulos automáticos en YouTube

A miña colaboración de hoxe no programa Bos Días da TVG (que hoxe chegaba á súa 50ª entrega) foi un chisco diferente, pois nun primeiro momento falamos de robots...

A miña colaboración de hoxe no programa Bos Días da TVG (que hoxe chegaba á súa 50ª entrega) foi un chisco diferente, pois nun primeiro momento falamos de robots con varios expertos:

Eu continúo a pensar que a palabra robot tende a levar a equívocos, e a xente pensa en androides que substitúen a humanos en todo, o que sería ridículo. O lóxico é que fabriquen máquinas que fagan as cousas mellor que os humanos, e así a Roomba pode aspirar o po na casa meténdose incluso por debaixo dos mobles (algo que non podería facer unha ciberchacha) e un sistema de aire acondicionado intelixente pode axudarnos a descansar pola noite. Todos estes avances xuntos poderán facernos máis doada a vida sen ter que substituír necesariamente a outras persoas.
Outro tema é o dos robots sexuais, que polo que teño entendido é algo no están a gastar moitos cartos actualmente, e interesa especialmente en mercados coma o xaponés, onde tamén venden toda unha serie de trebellos sexuais motorizados que dubido moito que tivesen saída en Europa. Somos mundos distintos, e aquí por cibersexo entendemos dicir cochinadas nun chat, e non fornicar coa consola de videoxogos.

A maiores tamén falamos das novas desta semana relativas a Google:

A incorporación a YouTube de subtítulos automatizados paréceme unha auténtica revolución, que facilita a universalización dos contidos (un vídeo en inglés poderá entenderse por quen non coñeza tal idioma grazas á tradución automática) e o Google Chrome OS está a ser un dos produtos con máis bombo dos últimos tempos, aínda que polo momento non parece ser nada revolucionario.
login no chromium ostemas de ChromeWi-Fi no Chromium OSmenú no Chromium OS

Probei a súa beta, o Chromium OS, e resulta realmente decepcionante, pois simplemente trátase dun navegador Google Chrome a pantalla completa, no que tamén existe un botón nunha esquina para configurar a nosa rede Wi-Fi. Calquera ultraportátil con Linux pode superar iso, polo que, ata que se demostre o contrario, o Chrome OS é puro fume, e tardará moito en poder considerarse unha ameaza para Microsoft.

ACTUALIZACIÓN: Cambiando un pouco de terzo, non podo evitar recomendar que vexades o enfrontamento dialéctico entre Josemi Rodríguez Sieiro e Xesús Peleteiro co gallo das gravatas que tivo lugar a poucos minutos da miña intervención no Bos Días:

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS