Dende Tractis lembráronme que o domingo remata a súa campaña de reparto de lectores de DNI electrónico, de xeito que os usuarios que queiran facerse cun destes interesantes trebellos USB por só 2 euros (en concepto de gastos de envío) deben solicitalo xa.
Eu xa teño o meu, e segundo parece houbo 33 lectores deste blogue que fixeron tal (e 228 lectores de Código Cero). Amais, dende Tractis veñen de anunciar un engadido de WordPress para poder publicar comentarios nos blogs autentificados mediante DNIe, o que pode ser moi interesante de cara ao futuro, pois a xente que queira montar un blog que limite os comentarios a españois e que queira evitar que a xente publique burradas, ten agora unha interesante opción, que sospeito que podería empregarse en múltiples foros web de organismos públicos (que evitarían en boa medida a labor de moderación). Unha mágoa que o DNIe non sexa internacional, pois poder utilizalo para identificarse en certas páxinas web de comercio electrónico, poxas ou servizos semellantes sería moi práctico.
14 Novembro, 2009
Debe estar conectado para enviar un comentario.