Eleccións autonómicas 2009: o meu prognóstico

Estamos xa en plena campaña electoral ás portas dos comicios autonómicos, e como vén a ser costume, fago un repaso da situación actual para facer o meu prognóstico sobre...

Estamos xa en plena campaña electoral ás portas dos comicios autonómicos, e como vén a ser costume, fago un repaso da situación actual para facer o meu prognóstico sobre o resultado electoral.
Por unha banda coido que cómpre botar unha ollada á evolución do voto en Galicia durante a democracia:
evolución do voto galego de 1981 a 2005
Podemos apreciar que o PP xa tocou teito na etapa de Fraga, e que vai en descenso, mentres o PSdeG está no mellor momento da súa historia, aínda que no pasado acadara maior número de escanos (froito da atomización de partidos en Galicia, pois a presenza do Partido Comunista de Galicia, Coalición Galega e Esquerda Galega, entre outros, restáballe representación parlamentaria ao BNG).
O BNG, pola súa banda, parece que se resentiu da saída de Beiras da dirección do Partido, e nos últimos 2 comicios padeceu unha caída de votos do 25%. Podiamos entender así que en 1997 o BNG tocou o seu teito, polo que nos vindeiros anos debería aspirar aos 400.00 votantes. Esta perda de apoios reflectiuse directamente en escanos:
evolución de escanos de 1997 a 2005
O BNG pasou de ser a segunda forza en 1997 e 2001 a ocupar un terceiro posto do que ten moi difícil saír, e podemos pensar que a tendencia de voto de 2005 pode repetirse en 2009, cun pequeno repunte dos partidos no Goberno, polo que eu coincido cos resultados da enquisa de Sondaxe publicados hai un par de semanas:
resultados da enquisa de Sondaxe en xaneiro de 2009
Vexo moi probable que tanto o PSdeG coma o BNG gañen un escano cada un, pese a que moitas das enquisas sitúen ao PP ao gume da maioría absoluta (o que non parece realista, non pola fortaleza do Goberno, senón pola falta de peso da oposición).

De aquí, de Millí

Pero en chave local temos que o PP si ten unha forza innegable, de xeito que o PP faríase coa maioría absoluta e o PP e o PSdeG terían un peso semellante, se nos fixamos nos resultados dos anteriores comicios:

Votos Porcentaxe
PP 2.329 49,5%
PSdeG 1.139 24,2%
BNG 1.158 24,6%

¿Poderá cambiar esta situación en 2009? Parece difícil, pero coido que as candidaturas provinciais dos diferentes partidos poderían facer que o PP perdese algo de pulo en Melide, pois sería o único dos 3 grandes partidos en non contar con melidenses nas listaxes, xa que o PSdeG ten a José Antonio Prado García no posto 19 e o BNG a Ana Isabel Ramos Rúa no posto 12, ambos sen posibilidades de entrar no Parlamento de Galicia, pero a súa presenza serve para amosar un certo interese dos partidos pola comarca, o que pode convencer a algún cidadán.
Facendo un pouco de meigo diría que en Melide o PSdeG podería medrar en votos un par de puntos porcentuais, mentres que o BNG igual podería medrar 3, por arrastre do goberno municipal, o que levaría ao PP a perder apoios na vila. ¿Será esta previsión realista? ¿Ou acaso a actual conxuntura económica fará que a xente volva a apoiar as opcións políticas de dereitas? ¿Qué opinades vós? ¿Atrevédevos a facer algunha predición?

ACTUALIZACIÓN (15-2-2009): La Voz publicou unha nova enquisa de intención de voto que pese a contar cuns resultados moi semellantes, trasladaría un escano do BNG ao PSdeG:
Resultado da enquisa de Sondaxe de febreiro de 2009
Coido que esta proxección hai que collela con fíos, pois o escano de diferenza do BNG depende de só un 0,1% dos votos. De confirmarse estes resultados o día 1 de marzo teriamos que a Xunta repetiría estrutura de goberno reeditando o pacto anterior (ou iso parece o máis razoable), aínda que queda moita campaña por diante.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS