Exclusiva: a nova imaxe da web do Concello de Melide

Remata o segredo. Despois dun pouco de investigación logrei botar un ollo ao que será a nova web do Concello de Melide antes de que se presente oficialmente, e...

Remata o segredo. Despois dun pouco de investigación logrei botar un ollo ao que será a nova web do Concello de Melide antes de que se presente oficialmente, e a cousa pinta moi ben:
Nova web do Concello de Melide
¡Pero qué bonitiña é! E iso non é todo. Estiven a pocear polo novo deseño e os contidos son moi completos: hai moita información sobre a vila, as actividades do Concello, o Polígono… Aínda que o mellor de todo é contar cunha boa axenda e cunha sección de novas que non esquece incluír información adicional en PDF sobre os temas a tratar.
Non faltan os avisos, as convocatorias de contratación, as convocatorias ás Xuntas de Goberno e incluso a posibilidade de facer trámites como solicitar praza na escola infantil ou empadroarse.
É posible subscribirse para recibir as actualizacións da web por correo electrónico ou a través de 4 fluxos RSS.

Velaquí un adianto en vídeo:

En definitiva, que é unha web sinxela de utilizar, completa, elegante e, certamente, moito mellor que a anterior (incluso se pode ler ben no iPhone). Agora só queda agardar que se inaugure pronto e que estea actualizada.
Parabéns para as persoas involucradas na creación da nova web e a todos os melidenses que gozaremos da mesma.

ACTUALIZACIÓN (18:15 horas): ¡Está viva! Xa podedes ver todos a nova web operativa.

ACTUALIZACIÓN (22:30 horas): A inauguración da web xa é oficial:

O Concello de Melide estrea web na data do máxico 7 de xuño

O novo portal web, que será unha ferramenta de comunicación e servizos para os visitantes, sae á luz o 7 de xuño, cando se cumpren 75 anos da edición do libro Terra de Melide, da editorial Nós.

O concello de Melide estrea este sábado un novo portal web, que substituirá ao anterior, www.melide.org. Dende este sábado, data máxica para a cultura e historia de Melide, posto que se cumpren 75 anos da publicación do libro Terra de Melide, da editorial Nós, todos as persoas que naveguen pola rede terán un punto de referencia sobre Melide na web concellodemelide.org, que será unha canle de comunicación e servizos para os visitantes.

O menú conta con sete grandes apartados: O Concello, Xestións e trámites, Coñece Melide, Turismo, Facendo concello e Industria. A nova web desexa ser un servizo público para os cidadáns de Melide, e tamén un escaparate deste municipio para os seus visitantes.

Desde a portada da web o visitante accede a todas as seccións da mesma. Mais a portada é unha fiestra á actualidade máis inmediata do concello. Novas actualizadas cos temas e acontecementos de interese que xenere a actividade municipal, convocatorias – emprego, concursos, premios – , avisos, os trámites máis habituais do concello estarán a disposición dos cidadáns de Melide desde a portada, así como a actualidade cultural máis inmediata a través da axenda.

O Concello de Melide é un lugar de grande interese turístico e un espazo por descubrir no interior de Galicia, polo que na nova web a promoción do patrimonio, do Camiño de Santiago, da gastronomía e repostaría e da cultura do concello ocupan un lugar vital a través do acceso directo ás galerías de fotos, á sección de turismo e á información das parroquias da vila.

A web tamén conta no seu interior con información das áreas do concello e dos seus responsables. O usuario tamén atopará información dos principais servizos e equipamentos dos que dispón o concello, sexan ou non de carácter municipal, cá fin de ofrecer a información útil e de calidade.

Ademais, concellodemelide.org posúe un apartado específico denominado “Perfil do contratante” onde se publicarán todas aquelas convocatorias de concursos públicos e licitacións que promova o Concello. Desta maneira habilítase unha ferramenta que fai máis cómoda a información ás empresas interesadas en acceder ás contratacións e, ao mesmo tempo, tamén se abre unha fiestra na rede para que a cidadanía poida seguir con total transparencia esta parte da xestión municipal.

O “Perfil de contratante” é un aspecto recollido na nova lei de Contratos co Sector Público, que obriga aos concellos que posúan web a publicar nela este tipo de información. Melide é un dos primeiros de Galicia que conta con esta ferramenta.

Cidades Dixitais

A nova web municipal é a parte visible do Xestor de Contidos deseñado polo Concello de Melide para arrancar a implantación da administración dixital. Neste sentido, o organismo municipal leva traballando desde finais do ano pasado no desenvolvemento dunha aplicación informática que permita administrar os contidos documentais e informativos e o seu posterior volcado á rede.

A iniciativa, na que se invisten arredor de 30.000 euros nas anualidades de 2007 e 2008 está acollida ao proxecto Cidades Dixitais 2007-2010, financiado pola Consellería de Innovación e Industria, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Nova imaxe corporativa

Ademais da nova imaxe que ofrece o Concello de Melide na rede, o equipo de goberno traballou tamén nun novo proxecto de imaxe corporativa, que aínda que non substituirá en ningún caso ao escudo oficial do Concello, si se empregará no eido da comunicación, a promoción e o marketing.

Esta nova imaxe baséase na letra “M” de Melide e xoga visualmente coas formas da ponte medieval de Furelos. Dende o equipo de goberno, optouse por esta opción, posto que “recolle a riqueza dos nosos tesouros patrimoniais, e está inspirada directamente en elementos propios de Melide”.

Rematou a espera, e agora toca gozar da nova web.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS