Xuntanza de blogueiros en Agolada

Onte publicouse o programa da Xuntanza de Blogueiros que terá lugar en Agolada o vindeiro 31 de maio, no que promete ser un evento moi interesante: 11.30 Chegada á...

Onte publicouse o programa da Xuntanza de Blogueiros que terá lugar en Agolada o vindeiro 31 de maio, no que promete ser un evento moi interesante:

xuntanza de blogueiros en agolada o 31 de maio11.30 Chegada á Praza do Concello de Agolada. Recepción con música do grupo de gaitas BICO DA BALOUTA e da CHARANGA INFANTIL DA BANDA.
12:00 NOS PENDELLOS:
Saúdo e benvida a cargo da Asociación.
Intervencións libres dos blogueiros. (Saúdo, autopresentación, motivacións relacionadas coa xuntanza, lectura de poemas, etc.). Haberá megafonía e unha tarima-palco.
Poñencia sobre a actualidade dos blogs a cargo dunha ou varias persoas con experiencia neste tema (aínda estamos facendo xestións ao respecto. Publicaremos os nomes en canto os teñamos).
Intervencións musicais de Bico da Balouta, Charanga Infantil e A Zanfonista
Viños e petiscos.
Visita guiada polo recinto de Os Pendellos (Espazo que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural).
14:30 Xantar de confraternidade no restaurante Agolada (estrada de Melide).
Proxección multimedia durante os postres.
17:30 Desprazamento en autobús ata o Sobreiral do Arnego en Carmoega (11 Kms de autobús). Percorrido a pé polo Sobreiral (máximo 4 quilómetros), zona protexida pola Rede Natura 2000 e declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC).
19:30 Regreso aos Pendellos onde haberá varias actuacións musicais intercaladas coas palabras dos blogueiros que teñan a ben intervir.
Actuarán: MARUXA de Fuxan os Ventos, acompañada ao piano por PABLO VÁZQUEZ, director da Coral Polifónica de Agolada.
A ZANFONISTA (blogueira que cursa zanfona no Conservatorio Folque de Lalín).
ALMUDENA VIDAL (Guitarra) e BLANCA BELLO (violín), ambas profesoras de música e intérpretes na Xove Orquestra de Galicia. (Pendentes de que nolo confirmen)
Por último, as despedidas e deica o que cada un estime conveniente.

Admito que me parece que xuntan demasiadas cousas no que se supón que é unha confraternización, e que, coma ese día chova, imos fodidos, pero se todo vai ben será un sábado ao que só lle falta ERDF para ser perfecto.
Tamén teño que destacar que estou ilusionado ante a posibilidade de que o encontro teña continuación en Melide (nunha data sen determinar), polo que se desprende dunha entrada de Manuel Busto. Iso si, resulta un tanto molesto que falen do encontro como a I Blog-Xuntanza (como ben indica Ghanito no seu blogue) xa que van unha chea de eventos deste tipo. Habería que buscar un nome un pouco máis claro (si, é unha primeira edición, pero é preciso crear unha marca que distinga este encontro do resto).

Atopo especialmente interesante a xuntanza polo feito de que pode servir para que os blogueiros melidenses nos relacionemos un pouco máis e poidamos sementar o xermolo para algún tipo de colaboración futura (ou para montar xantanzas). Polo momento xa está confirmada a asistencia de Vanessa (A Lareira de Santiso) e agardo que Riki, David, Ghaiteira, Citizenerased, Fiz e moitos outros poidan asistir aínda que sexa só polo feito de que Agolada nos queda a tiro de pedra. ¿Quen se apunta?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS