A xuntanza de blogueiros en Agolada foi toda unha experiencia de principio a fin. Todo comezou ás 11:30 horas, e pouco a pouco fomos chegado todos á praza do Concello, onde se nos recibiu coma se fosen as festas patronais, pois distintos grupos musicais da vila nos deron a benvida, e incluso os amantes dos coches antigos quixeron amosar as súas marabillas:
Logo, Manuel Busto (Aquam Latam) nos guiou polo casco antigo da vila, para que fosemos coñecendo as orixes de Agolada e a súa forte relación cos Pendellos, que utilizamos coma escenario para un encontro no que cada blogueiro contou as súas experiencias:
Tras Manuel, Calidonia, o Pai de Leo e Xosé Luis (que bloguea sobre ciclismo principalmente) contaron un pouco cómo comezaron nisto dos blogues, aos que seguiron as Bágoas Insomnes de Palmira e as Miniaturas (3) de Juanjo, explicando este último unhas curiosas anécdotas (como a do home que escribía un xornal para lelo el só):
Despois desas disertacións, Ana Belén fixo un pequeno recital de Zanfona, instrumento ao que dedica un blogue para que a xente saiba algo máis deste instrumento tan peculiar:
Mariola comentou o que é o seu espazo virtual, Navicularia, mentres que o lesionado Prometeo (chegou aos Pendellos en muletas) comentou que escribía o seu blog en español, pois pensa que a lingua é só o vehículo da comunicación, e non considera que os idiomas se deban empregar para separar á xente. E tampouco se separaron aos autores de blogues dos seus lectores/comentaristas, polo que nos dedicou unhas palabras Cuco de Pambre, quen estudou en Melide e se move bastante polas webs da zona para informarse do que pasa ao seu redor.
E falando de rachar barreiras, a idade tamén podería parecer un obstáculo, pero se María Amelia demostrou que non se é demasiado maior co seu blogue, na xuntanza David Utrera foi un dos mozos que deixou constancia de que os mozos tamén poden bloguear (e non se perden só no Messenger):
Despois de David, tocoume a min falar un chisco, e aínda que me puxen a desbarrar sobre o uso do galego na Rede coma xeito de achegarnos, rematei destacando que un dos elementos máis significativos da xuntanza nos Pendellos sería que deste xeito a web ía a reflectir a existencia deste lugar tan especial que coidan os seus amigos agolenses.
Ao chegar cada un dos blogueiros ao seu fogar e publicar nos seus respectivos blogues a súa experiencia en Agolada vai quedar constancia expresa do que son os Pendellos. Agardemos que a súa conservación continúe ao longo do tempo para que no futuro poidamos volver a xuntarnos nese contorno inimitable e lembremos así o que vivimos o pasado sábado.
Colleu o meu relevo Xosé Luis, autor da Chousa de Alcandra, que coa súa barba deixou claro que a persoa detrás do alcume Chousa non era unha muller:
Marisa, quixo pegar a súa intervención con Cuspe de Pita:
Entre as persoas máis novas tamén destacou Daniel Sousa, de As Beiras do Arnego:
Seguimos coa orixinal intervención do autor de Ao pé do farelo:
E Vicente Montoto tamén nos explicou cómo comezou a escribir a súa autoblografía:
Aparte da miña presenza, de Melide contamos co escritor Xosé Vázquez Pintor, precedido de Xosi, quen dedicou unhas palabras moi especiais aos Pendellos de Agolada:
E para rematar o encontro nos Pendellos, falaron un chisco Luís Viñas de A porta verde do sétimo andar, e a noviña Fátima, que na web nos conta Cousas de min:
Tras todas as intervencións, fomos andando ao restaurante Agolada para xantar todos xuntos, e non podo evitar comentar algúns detalles curiosos que atopei no camiño:
1- En Agolada son capaces de mesturar unha hamburguesería, cun cibercafé e un pub. ¡Iso si que é converxencia!
2- Algunhas empresas fan uso das últimas tecnoloxías para usos diversos, lanzando a súa mensaxe innovadora en inglés. ¿Agolada trilingüe?
3- Sorprendeume ver que o restaurante tiña servizo para fumadores. Non atopei o de non fumadores 😉
4- El Robocop.
Tralo xantar eu volvín para Melide, pero o resto de asistentes quedaron para visitar o Sobreiral do Arnego, e agardo que o pasaran moi ben. Eu espero que a experiencia se repita no futuro, pero que haxa 2 cousas que nas que non teñan que insistir:
1- na necesidade de ter que concienciar aos veciños e Agolada do valor que ten o seu patrimonio
2- no difícil que é publicar na Internet cando non chega o ADSL á vila
Eu, pola miña banda, estiven a probar a conectarme á Rede a través dunha conexión UMTS de Simyo e conseguín unha boa velocidade de transferencia, polo que supoño que moitos veciños deberían pensar en tal opción á hora de meterse na Rede (100 Mbytes de transferencia por 99 céntimos/día non é moi barato, pero resulta moito máis agradable que conectarse a velocidades de pouco máis de 30 baudios).