Esta noite estase a estrear na TVG O País dos Ananos, programa dirixido por María Yáñez (¡moita sorte nesta nova empresa!) e presentado por Belén Regueira, a quen podemos lembrar de Chambo, o Telexornal, Extrarradio e a Pasarela Parrote 😉
Nun principio o programa parece unha revisión do Pequeno Gran Show pero máis no estilo de Yolanda Vázquez que no de Paco Lodeiro (que lle botaba moito humor ó asunto). Iso si, Belén está de mellor ver que Lodeiro. ¿Está ben repasar unha fórmula anterior? Mentres que non se trate dun plaxio (lembremos que se pagaba polo formato do programa anterior, o que parece que tamén pasa neste caso) revisar un tipo de programa e actualizalo parece boa idea, aínda que a min me deixou un pouco flipado que o primeiro convidado fose Suárez Canal. Entendo así que aínda que os rapaces sexan os protagonistas do programa, a audiencia obxectivo é adulta, pois ós cativos o políticos non lles importan nadiña de nada.
Haberá que ver cómo madura o programa nas súas distintas entregas (e traen convidados máis interesantes como xente do mundo do cine ou da música), pero nun principio parece unha boa fórmula mentres se agarda por Libro de Familia, pois era bastante difícil aturar reposicións de Alalá ou doutros espazos.
A volta de Belén Regueira á TVG me fai lembrar o programa Chambo nas tardes das fins de semana da Galega. Estaría ben que recuperasen algún programa do estilo, e que non o emitisen despois da 1 da madrugada 🙁
ACTUALIZACIÓN: A audiencia parece que apoiou ó programa:
– “El país de los enanos” (talk show): 20.3% y 197.000 (estreno)
– “Libro de familia” (serie de ficción): 29.4% y 297.000
– “Libro de familia -reposición-” (serie de ficción): 13.4% y 76.000
Iso si, a Galega debería repensar iso de botar un segundo episodio de Libro de Familia. ¿Para qué desbotar o arrastre de audiencia da serie para emitir un capítulo que a xente xa víu, cando se podía introducir un programa novo ou mesmo un informativo?