Cando falamos de Star Wars podemos lembrar as películas de culto, as efémeras adaptacións televisivas, os comics, as novelas e mesmo os videoxogos, e destes últimos decidiron dar un repaso en Gametrailers publicando unha serie de retrospectivas para que lembremos os títulos que formaron tal saga.
A primeira entrega, publicada onte mesmo, trata dos primeiros videoxogos inspirados na saga cinematográfica de George Lucas:
Eu descoñecía por completo o primeiro xogo que aparece no vídeo, e para min o primeiro Star Wars era o xogo vectorial para recreativas, que logo tería unha conversión aceptable para Spectrum. O resto de xogos de Star Wars foron un auténtico noxo, que só contaban coa franquicia coma reclamo.
Incluso nos tempos da PlayStation se fixeron produtos sobre Star Wars eran patéticos, coma o Masters of Teräs Käsi, que pese a ser un xogo moi atractivo inicialmente, quedou nunha decepción absoluta.
Para min os xogos definitivos de Star Wars foron o Rogue Squadron e o Jedi Academy, cada un no seu estilo, e recoñezo que as adaptacións das últimas películas non están nada mal, pois permiten pasar o rato.
Posiblemente o título que rache con todo será a nova entrega, The Force Unleashed, que promete ser moi espectacular, aínda que ó final supoño que decepcionará (por colocar moi alto o listón).
Supoño que a cada un lle gustará máis un videoxogo, e igual queda algún friki que prefire o X-Wing vs TIE Fighter fronte ó Rogue Squadron (o que non me sorprendería) ou mesmo o que gusta máis de xogos sinxelos coma o Racer (o das carreiras de vaíñas, que tamén tiña unha recreativa moi chula), así como tamén hai fanáticos do Doom que teñen bos recordos do Dark Forces (paréceme que foi o primeiro xogo que vin que precisaba de 8 Mb de RAM para funcionar, nun momento no que o normal era que os PC tivesen 4 Mb).
¿Tería que lembrar algún outro título inspirado na saga galáctica?
Debe estar conectado para enviar un comentario.