Os Obradoiros de CreACCIÓN Informativa comezarán o vindeiro luns

O pasado 14 de setembro Loli Rodríguez e Javier Monjas presentaron uns obradoiros organizados polo Consello de Cultura de Galicia: O CONSELLO DA XUVENTUDE DE GALICIA PRESENTOU OS OBRADOIROS...

Loli e Javier Monjas na presentación dos obradoiros
O pasado 14 de setembro Loli Rodríguez e Javier Monjas presentaron uns obradoiros organizados polo Consello de Cultura de Galicia:

O CONSELLO DA XUVENTUDE DE GALICIA PRESENTOU OS OBRADOIROS DE CreACCIÓN INFORMATIVA

Na rolda de prensa estiveron presentes Dª. María Dolores Rodríguez Amoroso, presidenta do CXG e D. Javier Monjas, editor do blog Nuevo Digital.com e unha das persoas encargadas de impartir os ditos obradoiros, xunto con Dª. María Yañez, xornalista, editora e guionista galega, que non puido asistir á presentación por cuestións profesionais.

A celebración destes obradoiros suporá a primeira experiencia a nivel mundial na que xornalistas profesionais compartirán as súas técnicas e métodos de traballo con bloggers afeccionados. En palabras de Rodríguez Amoroso, o obxectivo dos obradoiros, que terán lugar do 1 ao 4 de outubro e do 8 ao 11 dese mesmo mes no Centro Multimedia de Galicia e na súa rede de aulas espalladas por distintos sitios da xeografía galega, “é achegar as estratexias e metodoloxías xornalísticas a este “xornalismo cidadán” cheo de ilusións e vontade pero quizais máis débil ao carecer de pautas profesionais”.

Pola súa parte, Javier Monjas sinalou que “os obradoiros non pretenden formar xornalistas en oito días pero si darlles ás persoas que asistan as bases dos principais xéneros periodísticos, de recompilación e contrastación da información, mediante a recollida directa de datos no reporteirismo e a entrevista, como na xestión de informacións alleas de alta relevancia nun entorno de rede”. Así mesmo, aproveitou para facer unha crítica á blogosfera española a cal, segundo el, “está presidida por un problema grave que é a polarización de opinións que teñen como referente os grandes medios de comunicación, polo que se converten en apéndices das grandes opinións”.

Finalmente, o CXG animou a todas as persoas a participar nestes interesantes obradoiros cuxa inscrición é gratuíta e se poderá realizar dende a vindeira semana na páxina web do Centro Multimedia de Galicia.

Nun principio os cursos ían estar conducidos por Javier Monjas e María Yáñez, pero por desgraza para os asistentes, María non participará nesta iniciativa e terán que aturar a miña presenza durante 4 horas diarias (das que procurarei ocupar menos de 2).

Javier Monjas encargarase de explicar os diferentes estilos xornalísticos, o contraste de fontes, as ferramentas básicas para o manexo de información… (lembremos que Monjas é un dos profesionais que para referirse ó xornalismo cidadán di que «cidadáns somos todos, xornalistas non») mentres que eu me dedicarei máis a parte tecnico-blogueira, explicando o que é un blogue (anatomía e topoloxía), as ferramentas para bloguear e cousas polo estilo. Incluso pretendo tocar temas coma os CMS non orientados ós blogs, a usabilidade e as redes sociais. Se alguén pensa que hai algún tema que considere que sería importante tratar, agradeceríalle que o soltase nos comentarios.

Os obradoiros desenvolvense en dúas semanas (con alumnos diferentes) de xeito que os da segunda quenda poderán ter un achegamento posiblemente máis medido e completo, pero como se pretende que as intervencións sexan participativas, supoño que as dúas semanas serán animadas e enriquecedoras.
Non sei se os asistentes xa teñen blog, pero se non é así, agardo que rematen gañándose unha parceliña no Blogomillo 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS