En Abadía Digital atopo un meme que considero interesante, pois pregunta polo uso que se fai de Gmail, xa que ó tratarse dunha conta de correo case ilimitada, ten predisposición a encherse de lixo.
Neste momento o meu uso é do 46%:
Recoñezo que supero moitas veces o 50%, pero baleirando a papeleira e eliminando os contidos do cartafol para o spam manteño a capacidade a raia.
Non levo moito tempo usando Gmail de xeito intensivo pois, aínda que tiña a conta de correo dende 2004, paralelamente empregaba outras contas alternativas, pero agora veño máis práctico centralizar as contas en Gmail, pois así evito ocupar xigas de disco en varios ordenadores. Ademais, buscar correos vellos en Gmail é máis rápido que, por exemplo, no propio ordenador empregando Outlook Express ou Thunderbird, polo que agardo que non falle moito o servizo de correo electrónico de Google.
Supoño que a meirande parte da xente ten poucas mensaxes no correo, pois non fan un uso profesional do mesmo, aínda que tamén sospeito que algúns teñen a caixa do correo petada de vídeos e presentacións de PowerPoint (é o que pasa cando non borras o que mandan os colegas en plan coña), pero supoño que esta última tendencia estará en perigo de extinción grazas a YouTube, Slideshare e servizos semellantes.
Veña, botade a lingua a pacer. ¿Qué uso do Gmail (ou o correo que usedes) facedes?