Hai pouco máis dunha semana se montou toda unha pirula pola aparición na Rede dunha copia checa da película dos Simpson que amosaba unha calidade de imaxe realmente patética:
Pero agora dende hai un par de días xa circula un DVDscreener da película, que fará que moitos non se molesten en ir ó cine a ver a adaptación dunha serie de televisión á pantalla grande por moito que Bart inste a non descargala da Internet:
Coido que iso vai afectar seriamente á vida da película nos cines (que non chegará ó mes de setembro) aínda que está claro que hoxe en día só parecen importar as dúas primeiras semanas nas carteleiras (a rotación de películas é moi rápida). A verdade é que quedan aínda pelis moi fortes nos cines, e están a chegar novas estreas que ameazan o éxito da familia de Springfield.
Eu pola miña banda teño que recoñecer que gustei da película, e que me parece que está ó mesmo nivel da serie de televisión notando como único cambio que se empregan técnicas de animación normalmente reservadas para Futurama (serie que tamén volverá pronto).
A pega da película podería estar no feito de que copian detalles dos moitísimos episodios da serie de televisión, pero supoño que poucos se decatarán da reciclaxe. Incluso sospeito que a película non ten ningún chiste orixinal, pero non estou certo diso. O que si podo asegurar é que resulta divertida de ver, e que aínda se pode ver en boas salas de cine… pero a meirande parte da xente preferirá agardar ó DVD (que supoño que chegará no outono) e mesmo ó pase en televisión (que desta volta supoño que será moi rápido).
O máis incrible de todo é que a aparición da peli está revitalizando a serie en Antena 3, acadando moi bos resultados de audiencia pese a estar no verán, polo que temos que dar grazas por tal éxito, xa que así non maltratarán á serie como a outras (Urgencias, Expediente X, Buffy…). Ah, entre as series maltratadas normalmente citaría a Futurama, pero en laSexta dá gusto ver cómo a tratan. Ó final vai resultar que o mellor que lle pode pasar a unha serie é quedar en canles de pago ou en canles de pouca difusión 🙁