Neira Vilas homenaxea a Broz

Acabo de ver na edición en liña do Correo que Neira Vilas vén de dedicarlle unha columna ó melidense Xosé Manuel Broz: En Melide con Broz (XOSÉ NEIRA VILAS,...

Acabo de ver na edición en liña do Correo que Neira Vilas vén de dedicarlle unha columna ó melidense Xosé Manuel Broz:

En Melide con Broz (XOSÉ NEIRA VILAS, ESCRITOR)

A pouco de instalarme en Galicia souben de Xosé Manuel Broz, profesor de Historia, Xeografía e Debuxo, investigador, pintor cofundador e actual director do Museo da Terra de Melide, fundado en 1978. Hai uns dez anos visiteino. Xa nós andabamos dándolle feitío ó noso pequeno museo etnográfico de Gres, a partir de pezas que nos ían doando os veciños. Broz, home xeneroso, púxose á nosa disposición para colaborar. E comezou obsequiándonos un trebello que se utiliza no proceso do liño: un sarillo, ó que engadiu varios nobelos de fío. Dende entón fun a Melide máis dunha vez, pero non nos vimos. Falabamos por teléfono. Pedinlle indagar sobre a presenza de Curros naquela vila, en 1904, pero non quedara testemuña ningunha da súa visita.

Contoume que quería conseguir un local máis amplo, e que se vendía o antigo Hospital de Peregrinos. Lugar ideal. Había que restauralo. En total era unha cantidade da que non dispoñía. E foi casa por casa, da vila e arredores, e en longos meses de xestión logrou o seu propósito. Os veciños, ademais da achega en diñeiro deron máis pezas museables. Contou, ademais, cunha modesta achega da Dirección Xeral de Patrimonio.

O novo museo áchase na Praza do Convento. Inaugurouse en 2002. En tres plantas alberga achados arqueolóxicos dos castros dos arredores, capiteis e sartegos funerarios medievais, mostras de oficios e tradicións… Broz, por outra parte, publicou un libro sobre a historia da comarca e outro titulado Sentispíritus de Melide (unha historia novelada de 600 páxinas). Ademais, dirixe o Centro de Estudos Melidenses que edita un Boletín (que ten á beira de 200 páxinas) que vai polo número 18.

Todo este facer, que anima e realiza Broz, é continuación daquela voluminosa Terra de Melide que nos anos da República publicara o Seminario de Estudos Galegos, desaparecida coa guerra que estalou en 1936.

Descoñecía que o afamado escritor tivese algún tipo de relación con Broz, aínda que supoño que o importante do texto no é que se coñezan, senón que o traballo que fixo Broz pola conservación e difusión da cultura melidense acade algún tipo de recoñecemento, de xeito que as novas xeracións saiban que as cousas non saen da nada, senón dun longo e duro traballo.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS