Municipais07: chega o cambio a Melide – 2º EDICIÓN

Para comezar teño que pedir perdón por non facer un seguimento en tempo real do acontecido en Melide durante o 27-M, pero tras ir votar tiven que levar ó...

Para comezar teño que pedir perdón por non facer un seguimento en tempo real do acontecido en Melide durante o 27-M, pero tras ir votar tiven que levar ó meu irmán ó CHUS (finalmente parece que non está moi mal, pero sen analíticas non había xeito de descartar certas doenzas graves) e non regresamos a Melide ata última hora da noite, cando xa estaban escrutados o 100% dos votos melidentes, ou sexa, con todo o pescado vendido.
Como o tema deu moito que falar neste blog sentíame obrigado a falar máis do tema, e aínda que sexa algo tarde, achego aquí os resultados dos comicios:

Municipais 2007 Municipais 2003

PP: 6
BNG: 6
PSdeG: 1

PP: 7
BNG: 4
PSdeG: 2

Deste xeito, teriamos a seguinte composición do goberno municipal:
Composición do novo goberno municipal de Melide
Pero ata aquí vemos uns resultados moi a groso modo, pois os detalles engaden información que pode convidar a reflexionar:

Candidaturas Votos Concelleiros
PP 2.443 45,58% 6
BNG 2.168 40,45% 6
PSdeG-PSOE 499 9,31% 1
CIDEGA 213 3,97%  

Datos que contrastan enormemente coas cifras de 2003:

Candidaturas Votos Concelleiros
PP 2.758 53,51% 7
BNG 1.428 27,71% 4
PSdeG-PSOE 913 17,71% 2

Para min, o que máis destaca das dúas táboas anteriores é o cambio na particpación, pois en 2007 votaron 5.392 cidadáns (o 66,34%) fronte a unha participación de 5.190 persoas (o 65,75 %) que viña a ser a tónica habitual de participación no concello. Así, dame a impresión de que houbo unha maior forza social para achegar a xente ás urnas.

Pero se nos poñemos a mirar os resultados para min foi toda unha sorpresa pois, aínda que me parecía cantado que o PP perdería forza, o que non agardaba era que o BNG collese tanta, xa que sempre me deu a impresión de que en Melide a meirande parte da xente era de dereitas.
O que me deixou moitísimo máis flipado foi que o PSdeG perdese case a metade dos seus apoios, posto que contaba co efecto de arrastre que terían ZP+Touriño, cousa que definitivamente non se deu (e que debería chamar á reflexión os socialistas melidenses).

Temos que finalmente se concretará un goberno de coalición entre BNG e PSdeG, de xeito que é de agardar que remate como alcaldesa Soqui, e de tenente de alcalde Manolo, o que traería a marea do cambio a Melide, para o que antes tiveron que cambiar de cor política tódolos demais organismos superiores (a Deputación, a Xunta e o Goberno central). Este cambio vai supor unha revolución para a vila, posto que se anuncia un xeito distinto de facer as cousas e, como mínimo, levaranse a cabo da man doutras persoas, de aí que a moita xente lles cambie a vida (para ben ou para mal, segundo o caso).
Reflexionar se as cousas van a mellor ou a peor será algo a facer dentro de 4 anos, pero polo momento coido que o axeitado é darlle parabéns á xente da actual oposición no Concello, e desexarlle sorte á xente que deixa as súas labores no poder, agradecéndolles o servizo prestado.

Eu dende aquí tamén teño que agradecer a participación neste modesto blogue de moitos melidenses que tiveron a ben tomar este espazo como a súa casa para falar da política municipal, e convídoos a continuar a facer o propio na Rede, pois resulta moi constructivo manter vivo o debate cidadán coas ferramentas que non achegan as TIC. Unha aperta a todos vós, e seguímonos vendo polos Melides real e virtual.

NOTA: Dende esta entrada no blog pretendíase continuar unha entrada anterior que se veu totalmente saturada de comentarios que dificultan a súa lectura, agora recomendamos continuar o debate nunha entrada posterior.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS