Para comezar teño que pedir perdón por non facer un seguimento en tempo real do acontecido en Melide durante o 27-M, pero tras ir votar tiven que levar ó meu irmán ó CHUS (finalmente parece que non está moi mal, pero sen analíticas non había xeito de descartar certas doenzas graves) e non regresamos a Melide ata última hora da noite, cando xa estaban escrutados o 100% dos votos melidentes, ou sexa, con todo o pescado vendido.
Como o tema deu moito que falar neste blog sentíame obrigado a falar máis do tema, e aínda que sexa algo tarde, achego aquí os resultados dos comicios:
Municipais 2007 | Municipais 2003 |
PP: 6 BNG: 6 PSdeG: 1 |
PP: 7 BNG: 4 PSdeG: 2 |
Deste xeito, teriamos a seguinte composición do goberno municipal:
Pero ata aquí vemos uns resultados moi a groso modo, pois os detalles engaden información que pode convidar a reflexionar:
Candidaturas | Votos | Concelleiros | |
---|---|---|---|
PP | 2.443 | 45,58% | 6 |
BNG | 2.168 | 40,45% | 6 |
PSdeG-PSOE | 499 | 9,31% | 1 |
CIDEGA | 213 | 3,97% |
Datos que contrastan enormemente coas cifras de 2003:
Candidaturas | Votos | Concelleiros | |
---|---|---|---|
PP | 2.758 | 53,51% | 7 |
BNG | 1.428 | 27,71% | 4 |
PSdeG-PSOE | 913 | 17,71% | 2 |
Para min, o que máis destaca das dúas táboas anteriores é o cambio na particpación, pois en 2007 votaron 5.392 cidadáns (o 66,34%) fronte a unha participación de 5.190 persoas (o 65,75 %) que viña a ser a tónica habitual de participación no concello. Así, dame a impresión de que houbo unha maior forza social para achegar a xente ás urnas.
Pero se nos poñemos a mirar os resultados para min foi toda unha sorpresa pois, aínda que me parecía cantado que o PP perdería forza, o que non agardaba era que o BNG collese tanta, xa que sempre me deu a impresión de que en Melide a meirande parte da xente era de dereitas.
O que me deixou moitísimo máis flipado foi que o PSdeG perdese case a metade dos seus apoios, posto que contaba co efecto de arrastre que terían ZP+Touriño, cousa que definitivamente non se deu (e que debería chamar á reflexión os socialistas melidenses).
Temos que finalmente se concretará un goberno de coalición entre BNG e PSdeG, de xeito que é de agardar que remate como alcaldesa Soqui, e de tenente de alcalde Manolo, o que traería a marea do cambio a Melide, para o que antes tiveron que cambiar de cor política tódolos demais organismos superiores (a Deputación, a Xunta e o Goberno central). Este cambio vai supor unha revolución para a vila, posto que se anuncia un xeito distinto de facer as cousas e, como mínimo, levaranse a cabo da man doutras persoas, de aí que a moita xente lles cambie a vida (para ben ou para mal, segundo o caso).
Reflexionar se as cousas van a mellor ou a peor será algo a facer dentro de 4 anos, pero polo momento coido que o axeitado é darlle parabéns á xente da actual oposición no Concello, e desexarlle sorte á xente que deixa as súas labores no poder, agradecéndolles o servizo prestado.
Eu dende aquí tamén teño que agradecer a participación neste modesto blogue de moitos melidenses que tiveron a ben tomar este espazo como a súa casa para falar da política municipal, e convídoos a continuar a facer o propio na Rede, pois resulta moi constructivo manter vivo o debate cidadán coas ferramentas que non achegan as TIC. Unha aperta a todos vós, e seguímonos vendo polos Melides real e virtual.
NOTA: Para comentar esta nova recomendo visitar a seguinte entrada no blog pois a actual está sobresaturada.
Debe estar conectado para enviar un comentario.