O mercado logra crear certa demanda de produtos de xeito que, aínda que hai unha década apenas houbese xente con móbil, hoxe ten un terminal todo dios e a xente o renova periodicamente pese a non ser preciso. Aparecen tamén moitos adictos á tecnoloxía ós que lles vai mal se non teñen o último produto á venda. Pero agora chega un móbil innovador que adorarán tecnófilos e tecnófobos. Non falo do iPhone de Apple, do último de Motorola ou do que sae no anuncio de Vodafone, refírome ó Cell Phone Flask, que pese a non conectar con redes GSM nin UMTS (3G), non ter GPS, non ter cámara e nin sequere acender podería ter moi boa acollida os venres e sábados pola noite porque ten unha capacidade duns 114 mililitros.
Véndeno na Internet a 12,95 dólares (9,63 euros) e dá totalmente o pego coma terminal de telefonía o que o converta na auténtica petaca 2.0. Un sistema orixinal de colar alcool nun garito sen que se decaten os camareiros, para poder cargar así os refrescos con fluídos que non proveñan dun garrafón 😉
25 Maio, 2007
Debe estar conectado para enviar un comentario.