Portela na revista de R

O último número da revista de R inclúe unha interesente entrevista a Carlos Portela: El año de la garrapata, dirixida por Jorge Coira en 2004 con guión de Portela,...

O último número da revista de R inclúe unha interesente entrevista a Carlos Portela:

El año de la garrapata, dirixida por Jorge Coira en 2004 con guión de Portela, catapultouno á primeira liña da actualidade. Pero Carlos Portela non era un intruso no audiovisual, senón que contaba cunha dilatada traxectoria en televisión. Algo parecido lle está a acontecer na banda deseñada. Ao autor de Impresiones de la Isla ou Os heresiarcas, o éxito chegoulle da man do revival de Esther, xunto a Pura Campos.

Esther y su mundo é un clásico. ¿Non sentiu vertixe ao continuar as súas peripecias vinte anos despois?
Por suposto que si. Antes que guionista, son lector de cómics e sei que as máis das veces os reencontros, como acontece coas formacións musicais que volven ao cabo dos anos, son un fracaso. As lectoras de quince anos poida que sexan un público homoxéneo, pero as mulleres de trinta teñen unha personalidade complexa difícil de contentar.
¿Que se lle pasou pola cabeza a primeira vez que pensou en como sería Esther Lucas aos 35?
Pensei nas lectoras, e en como serían elas agora, porque sempre se identificaron coa protagonista. Esa foi a principal razón para que a personaxe tivese 35 anos, unha idade aproximada á do seu público.
¿Para quen son estas Nuevas aventuras de Esther?
Para as mulleres que descubriron a Esther Lucas na súa adolescencia. Non buscamos captar un público novo porque é moi difícil que unha moza que merca manga en branco e negro se sinta interesada por Esther, a non ser que unha amiga lle recomende esta historia.
¿Só para mulleres?
Gústame escribir para mulleres. Supoño que porque traballo con mulleres na televisión e estou moi cómodo con elas, cos seus comentarios aceirados. Agora ben, non creo que haxa unha temática diferenciada para elas. O que pasa é que os homes teñen máis reparos para recoñecer que lles interesan os sentimentos.
A primeira edición esgotouse en menos de vinte días e os comentarios nos blogs especializados son favorables ao resultado. ¿Afronta con ganas a seguinte entrega?
Si, aínda que sigo tendo medo. O primeiro cómic é unha presentación da situación actual de Esther, pero non será ata o segundo volume cando se desenvolva a historia. O meu referente á hora de escribir é Purita [Campos]. Se a ela lle gusta, coido que vou atinando. En contra do que poida pensarse, Pura está moi ao día e ten un sentido do humor alucinante.
Adiántenos algunha primicia.
Non podo. Haberá que agardar ata o verán para descubrir algunhas das interrogantes formuladas. Sobre todo, por qué unha muller de 35 anos aínda segue colgada polo seu amor de xuventude, Juanito. Por outra banda, producirase un xiro inesperado na historia…
¿Non é irónico que se fale de banda deseñada en Galicia grazas á «pecosa» e non por outros traballos de recoñecido prestixio internacional?
Non ten importancia; ademais a editorial, Pura e eu afrontamos este proxecto polo cariño que lle temos á personaxe, porque nos daba rabia que a historia quedase sen pechar.
Carlos Portela non é un descoñecido para o público da novela gráfica. Aí están Impresiones de la Isla, Kami Seeds, Gorka ou Os Heresiarcas. Esther supuxo un cambio radical. ¿Que pensarán os seus lectores?
Iso dá que pensar, non creas. Coido que hoxe fago o que me peta. Teño días en que me interesan temas dramáticos e outros nos que me apetece divertirme. Porque eu como guionista fago historias; o que varía é o medio no que se publican.
¿Con que nos sorprenderá o Portela dos cómics nos vindeiros meses?
Para setembro ou outubro sairá o segundo volume de Esther. Namentres, estou colaborando con Fernando Iglesias en Peter Schlemihl, unha adaptación libre da novela de Adelbert Von Chamisso para a revista BD Banda. No verán publicarase a primeira parte de La cuenta atrás, unha novela gráfica sobre a historia do Prestige, narrada dende múltiples puntos de vista.

Velaquí unha versión gráfica da mesma:
Portela na revista de R
Sorprendeume que na entrevista non se fixera ningunha mención ó feito de que Carlos está a realizar actualmente a edición de guión da serie documental , que está a emitir a TVG, e que na pasada fin de semana contou coa aparición estelar de dúas persoas moi coñecidas en Melide (Amiguete e Yara):

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS