A serie de debuxos animados dos Transformers arrasara nos anos 80, facendo que tanto os bonecos transformables coma os comics baseados na serie se vendesen razoablemente ben (os xoguetes era excesivamente caros, pois creo lembrar que os Transformers máis caros andaban polas 14.000 pesetas de aquela, ou sexa, que era un luxo coma o Falcón Milenario e cousas polo estilo), o que levou incluso que os Simpsons lle fixesen unha homenaxe na súa cabeceira:
Pero o curioso dos Transformers é que marcaron unha época, e agora, nunha febre retro, aparecen coleccións de comics e series de televisión dando máis volvas ó asunto da guerra entre os Autobots e os Decepticons, que por outra banda, como di o meu amigo David, é ridícula, xa que os Autobots se converten en coches e camións mentres que os Decepticons se converten en avións, tanques, pistolas xigantes… ¿cómo é que a guerra non rematou nun único combate coa víctoria dos Decepticons? Porque entre o enfrontamento dun Volswagen Escarabello cun F17 coido que o único resultado sería a destrucción do carismático Bumblebee, ¿non? Pero, claro, como é tan mono… e hai que estirar a historia para vender xoguetes…
Pero a confluencia de distintos factores coma o éxito da colección de comics de Dreamwave (que se estreou en España hai un mes, aínda que xa arrasara nos EE.UU.), de varias series de debuxos aceptables (que se puideron seguir en España a través de Cartoon Network) e do anuncio do Citroën C4 (o que moitos poderían considerar decisivo) promoveron que por fin chegase unha película sobre os Transformers que se estreará o 4 de xullo de 2007. Para abrir boca xa publicaron un teaser na web oficial da película:
¡Menuda emoción! ¡Por fin imos poder ver un Optimus Prime realista! A ver se convence a imaxe que lle dan ós robots, aínda que vendo as posibilidades actuais no tocante ós efectos especiais vexo posible un bo produto (todo dependerá do guión). Agardemos que polo menos os humanos non saian para subir a moral ós Autobots (coma nalgunha das series de televisión, nas que as persoas eran unha especie de baterías anímicas dos pobres robots).
Ah, e tamén espero que a película de dobre ó español e non entreguen unha dobraxe sudamericana coma fixeran coa serie de televisión que se emitiu en España nos noventa, na que se podían escoitar lindezas coma “se me descompuso el auto” ou “estos Decepticones son unos villanos“. Aínda que igual se me da por descargar da Internet unha versión sudamericana para lembrar tales tempos (¿alguén terá por aí unha copia de Star Wars na que ó protagonista lle chaman Lucas Paseacielos e ó robot pequeno responde ó nome de Arturito?).
Por certo, escribindo este texto descubrín que había outro anuncio máis do Citroöen C4, no que o robot se pon a patinar sobre xeo:
ACTUALIZACIÓN: GalicianDreamer acaba de lembrarme que o vídeo orixinal do Citroën C4 tiña unha parodia co Citroën 2CV: