Carlos Blanco dedicou o Somos unha potenzia ás mulleres bravas, que definiu no seu monólogo final:
Non foi o mellor monólogo de Blanco, aínda que tivo un par de momentos bos. Quizais non acadou o nivel que agardaba por estar cinguido á temática do programa (máis concreta que de costume).
Iso si, cando Carlos Blanco dixo que ía dar paso a unha muller brava (Moncha) por un momento pensei que ía ser quen de entrevistar a Karina Fálagan (que dende que tivo o follón dos cans non souben máis dela). ¿Teremos algunha entrevista dese tipo en Somos unha potenzia? ¿Abreveranse a levar ó programa a personaxes incontrolables? ¡Que entreviste a Miguel Cancio XA!
Iso si, esta semana foi a primeira vez na que rin un pouco coa sección de Desencontros, e é que a Sor Asunción Carreira cantando dende Burkina Faso pareceume tremendo:
O que si me pareceu abraiante esta semana é que gustei máis do primeiro bloque do programa que do segundo, aínda que posiblemente foi polo atractivo da figura de Ánxela Bugallo, a quen temos moito aprezo dende Código TV (especialmente Carlos Roma, que xa lle fixo varias entrevista e sempre remataron escachando coa risa). Unha mágoa que non haxa máis políticos tan accesibles.
Ánxela Bugallo comentou cousas varias, sempre cun sorriso na cara, procurando levar con humor tódalas preguntas, que tampouco buscaban ferir en ningún momento:
Despois dos espías en prácticas Ánxela Bugallo estivo fronte a vitrocerámica vendo as fotografías de Xurxo Lobato, que aínda deron o seu xogo, aínda que só fose polos comentarios sobre o bolso e os zapatos da conselleira (falar de roupa era un xeito de amenizar unha conversa que pretendía ser amena):
En definitiva, o programa estivo bastante ben, mantendo o nivel que acadara a pasada semana. Agardo que sigan así, pois van en camiño de converterse nun programa de peso, aínda que para iso é preciso moita rodaxe e o mellor momento para iso é o verán, cando na televisión se programa normalmente lixo e as audiencias son baixas, polo que se poden correr riscos.