O PPdeG non gusta de Somos unha potenzia

En Galicia Hoxe publican unha nova sobre as protestas do PPdeG por mor do funcionamento actual da TVG, arremetendo especialmente contra o programa de Carlos Blanco, Somos unha potenzia:...

En Galicia Hoxe publican unha nova sobre as protestas do PPdeG por mor do funcionamento actual da TVG, arremetendo especialmente contra o programa de Carlos Blanco, Somos unha potenzia:

O PPdeG culpa a Benigno Sánchez e Carlos Blanco de todos os males da TVG

Os populares achacan a caída da audiencia e a baixa da publicidade “á manipulación e mais ó sectarismo” que eles observan nos espazos

Carlos BlancoO PPdeG arremeteu onte contra o espazo Somos unha potenzia que presenta Carlos Blanco e os novos programas da grella da Televisión de Galicia (TVG), aos que acusou de “sectarios”. Nun comunicado, os populares anunciaron tamén que a baixa da audiencia da canle autonómica provocou unha caída dos ingresos publicitarios do 15 por cento entre xaneiro e maio, ao tempo que expresa a súa “máis fonda preocupación” por este feito, mostra da “nefasta xestión” do director xeral, Benigno Sánchez, e da súa pasividade fronte á situación.

A Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) non tardou de responderlle aos populares cun comunicado onde lamenta que o PP “persista, unha vez máis, en tentar desprestixiar os medios públicos de comunicación de Galicia”, ao tempo que cualificaba “falsos” algúns dos datos remitidos polo partido de Alberte Núñez Feijóo.

O PP considera que a audiencia está a castigar ós medios públicos galegos pola “deriva partidista” que tomou a TVG coa chegada da nova dirección. “Non é normal nunha empresa de comunicación unha derruba tan grande na publicidade, a pesar de nos encontrar nunha situación económica boa, que ten o seu reflexo no sector publicitario”, aseguran os populares.

Na súa resposta, a CRTVG indica que chama a atención que sexa o PPdeG o que se preocupe agora do que custan os medios públicos galegos, cando este partido, “hai pouco máis de nove meses, tiña estes medios de comunicación en situación de quebra técnica e cunha débeda acumulada de 91 millóns de euros”.

Engade a Compañía que a nota difundida polo PP “está chea de inexactitudes e falsidades”, porque os ingresos publicitarios entre xaneiro e maio deste ano, manteñen a mesma liña que os do ano anterior, tanto na TVG coma na Radio Autonómica”.A CRTVG di que “tampouco se axustan á realidade as cifras de audiencia difundidas polo PP, tal como reiterou en numerosas ocasións o director xeral da Compañía no Parlamento”.

“Unha vez máis, o PPdeG confunde a parte co todo, elevando a anécdota a categoría de noticia, como ocorre, cando se refire ó dous por cento do Telexornal Noite, un espazo que aumentou a audiencia respecto ós dous últimos anos”, segundo se indica na nota.

Medidas urxentes

O PP reclámalle á dirección que tome medidas “drásticas e urxentes” para que non se “reproduzan” estas “agresions” a unha formación política que é “maioritaria” en Galicia, e para evitar un maior estrago da canle que tería que ser “o orgullo dos galegos”, pero ó que “lle dan o lombo” cada vez de forma máis clamorosa. “A censura e a manipulación”, segundo o PP, están á orde do día.

Entrevista a José Blanco

O PP achaca a baixa audiencia da cadea pública autonómica -“sete puntos menos que en xuño do ano pasado”, segundo os seus datos- á “manipulación e sectarismo” da nova programación, entre a que destaca o programa Somos unha Potenzia, de Carlos Blanco. Segundo o comunicado, a entrevista ó secretario de Organización do PSOE, José Blanco, neste programa foi “un constante ataque ó Partido Popular”, mentres que na segunda parte mostrou “a exaltación e as loanzas ó dirixente socialista” José Luís Rodríguez Zapateri nunca vistas nunha canle pública de televisión respecto a ningún político.

Para a CRTVG o PPdeG manipula os datos no que se refire á audiencia do mes de xuño, sen aclarar que estamos nun mes dominado televisivamente polo Mundial de Fútbol, o que repercute, loxicamente, na audiencia de todas as televisións autonómicas”.

“Tamén se falta á verdade cando se fala da Radio Galega, xa que o PPdeG confunde a caída de audiencia na terceira do Estudo Xeral de Medios (EGM), co acumulado na primeira de presente ano, na que se recollían os mellores resultados de audiencia de toda a historia da emisora autonómica”, segundo a CRTVG.

Teño que recoñecer que algunha das críticas teñen a súa razón de ser, pero se o que lle van a botar en cara son os cartos… ¡¿De qué falan?! Porque o de Carlos Blanco é un programa que comeza ás 23:30 horas, ou sexa, que nesa hora nunca se ingresou un can por publicidade. Hai que ter en conta que no late night A Galega só tiña éxito co Luar, o Supermartes e as teleseries, todo o demais nunca funcionou.
Aparte de comentar que o Mundial mina a audiencia, parece que a xente esquece que cando estaba o PP no Goberno non emitían en aberto nin Cuatro nin La Sexta, e tampouco había oferta en TDT, ou sexa, que agora a tarta da audiencia hai que partila en máis anacos, e é normal que o da Galega sexa cada día menor, aínda que poida mellorar puntualmente.
Ademais, incluso o sector dos contidos en galego vai incrementarse nos vindeiros meses, xa que aparecerán 2 canles autonómicas máis (aparte dunha 2ª TVG) e 4 televisións locais por cada demarcación, e suponse que tódalas canles deberán emitir un mínimo de programación en galego, de xeito que a TVG terá moitísima competencia, e haberá programas para tódolos gustos. Non creo que esteamos nunha etapa na que se poidan comparar as audiencias mirando para o pasado…

Ah, e se teñen problemas con Somos unha potenzia, que os arranxen cunha latiña de Licor-café:
Licor cafe de Somos unha potenzia

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS