Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo no que á temática tecnolóxica, que non podía evitar mencionalos.
De feiot, incluso recuperaron un vello vídeo no que ousaron versionar a Queen:
Facer burla dos youtubeiros tamén ten o seu aquel.
Tampouco puideron evitar versionar a Rosalía, cun tema que estes días está moi de actualidade, pois a Dirección Xeral de Tráfico por fin preparou un regulamento básico sobre os patinetes.
As facilidades que pon a tecnoloxía para que non levantemos o cu tamén inspirou un temazo.
E a crítica a Airbnb e aos alugueres de vivendas a través da Internet de seguro que fixo que moitos se identificasen.
Ao falar do rural non puido faltar a mención á mala cobertura de móbiles e da banda larga.
Os odiados grupos de WhatsApp de pais mesturados con Patti Smith fixeron unha combinación moi xeitosa.
Que Pablo Milanés dedicase unha canción a Alexa foi do mellor do ano.
E, finalmente, criticar os poucos impostos que pagan as tecnolóxicas en Europa serviu para pór letra a unha divertida versión.
Que máis poderán achegar en 2020? Quizais meterse máis con Facebook, Twitter e Instagram? Coas pulseiras de actividade? Cos drons? Temas tecnolóxicos non lles falta, e seguro que eu gozarei moito ao escoitar como os aproveitan para unha das seccións máis divertidas da televisión estatal.