Muuu (son unha vaca)

Amala Zandile Dlamini, ou Doja Cat, é unha cantante californiana de 22 anos que conseguiu certo éxito en 2014, como demostra que o seu vídeo So High superase os...

Amala Zandile Dlamini, ou Doja Cat, é unha cantante californiana de 22 anos que conseguiu certo éxito en 2014, como demostra que o seu vídeo So High superase os 16 millóns de reproducións (cun éxito semellante tamén en Spotify), e este ano ten un novo álbum, Amala, e para dalo a coñecer non se lle ocorreu outra tolería que lanzar un vídeo cutre titulado Mooo!, que non corresponde a ningunha canción do disco, na que fronte a un croma cutre di frases como «bitch, I’m a cow!» demostrando que as vacas teñen moito pulo na Internet.

Doja Cat segura que «o único motivo polo que fixen a canción é porque merquei esta roupa con estampado de vaca para a miña vindeira xira», e unha vez rematada gravou directamente o vídeo no seu cuarto, valéndose de roupa de cama a xeito de pantalla verde improvisada para facer o chroma¸ ou sexa, que estamos ante toda unha arroutada feita só como algo divertido, que está a converterse en todo un meme.

Temos aquí unha clara constatación de que a espontaneidade e a naturalidade son elementos que teñen moita forza na Rede, e os mesmos artistas que lanzan grandes vídeos musicais con producións moi coidadas non teñen que ter medo a facer o parvo, pois o público sabe entender os distintos rexistros.

A mágoa de todo isto é que o fenómeno viral veña dende Estados Unidos, e non nacese directamente en Galicia, o país do millón de vacas.

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS