Tras varios teasers que foron poñéndonos os dentes longos, por fin temos o novo tráiler do filme de Wonder Woman protagonizado por Gal Gadot.
Desta volta amósanos un chisco máis a illas de Themycira e, como acontece nalgún dos arcos argumentais, parece haber algún misterio ao redor da orixe de Wonder Woman (cómpre salientar que na banda deseñada a súa orixe tamén é un lío, e unhas veces é filla natural da raíña Hipólita, outras naceu da lama e noutras incluso é filla do propio Zeus) e, aínda que se deixa ver a algún dos seus inimigos, continuamos ser ver ao que previsiblemente é o seu grande rival á sombra: o deus Ares. Ou sexa, que de aquí ao mes de xuño queda moito por amosar en novos vídeos promocionais.
O que espero que muden é a data de estrea prevista para España, pois fálase do 23 de xuño, cando nos EE.UU. e Reino Unido chegará á grande pantalla tres semanas antes, o que é un tempo esaxeradísimo para unha produción deste tipo, e non quixera ir ver o filme cando xa me tivera tragado corenta spoilers e xa estivesen en circulación copias da película cunha calidade aceptable.
Amais, en Portugal vaise estrear a produción o 1 de xuño, polo que a distancia de datas entre países veciños parece aínda máis difícil de xustificar. Iso si, dubido que sexa o tipo de películas que leve á xente a cruzar a fronteira, pois temos que recoñecer que o número de seareiros das aventuras de Diana é bastante reducido.
Debe estar conectado para enviar un comentario.