Esta semana chamáronme do programa Área Pública da Galega para ver se podiamos facer un pequeno adianto do que será a tecnoloxía durante o ano que entra:
Aínda que comentei o dos pagamentos móbiles, a realidade mixta e a Nintendo Switch (que coido que vai rachar coa pana), quedáronme algunhas cousas fóra, por falta de tempo, como os ordenadores 2-en-1, que están a roubar o protagonismo ás tabletas; os drons, que cada vez son máis asumibles e automáticos; o vídeo en 360 graos (que coa axuda dos cascos de realidade virtual vai gozar de certa popularidade); do vídeo en directo a través do móbil; e, como non, dos servizos de streaming tipo Netflix, que finalmente demostraron que os consumidores estamos dispostos a pagar se os servizos en liña poñen as cousas doadas (por unha vez consumir contidos audiovisuais legalmente é máis sinxelo que piratealos).
Non creo que nos vindeiros anos vaia haber ningún trebello específico que faga que todos quedemos coa boca aberta, senón que cada vez terán máis importancia os servizos. Por exemplo, os asistentes de voz como Siri, Cortana, Alexa ou Google cada vez fan máis cousas, e iso si será algo que pode influír seriamente nas nosas vidas, xa que pode aplicarse ao automóbil, á domótica, aos wearables… Favorecerá a termos unha tecnoloxía ubicua e case invisible, como aconteceu con outras tecnoloxías no pasado (alguén preocúpase agora por como chega a auga corrente ou a luz eléctrica aos nosos fogares?).