Primeiro vídeo musical patrocinado por un párroco galego!

Cando vemos vídeos musical de grandes estrelas internacionais como Rihanna, Shakira, Beyoncé, Cañita Brava ou Justin Bieber non é raro decatarse de que dedican planos moi específicos a amosar...

Cando vemos vídeos musical de grandes estrelas internacionais como Rihanna, Shakira, Beyoncé, Cañita Brava ou Justin Bieber non é raro decatarse de que dedican planos moi específicos a amosar un coche, un reloxo, uns auriculares Beats ou un smartphone, atendendo claramente a un patrocinio, e veño de descubrir que en Galicia tamén se fai tal, xa que o último vídeo musical de Páramo Pictures, Vente Empacar, co que Dani Moreiras versiona o Vente Pa’Ca de Ricky Martin, é publicidade encuberta dunha aplicación móbil.

Fixádevos ben como no vídeo deixan caer que as mulleres de Páramo máis marchosas e animadas están cativadas pola aplicación móbil Misas en O Páramo (Lugo), creación do párroco José Manuel Castro Alba para comunicar aos seus fregueses os horarios das misas e outras celebracións da parroquia como aniversarios, funerais ou festas patronais.

Que escándalo! Un párroco untando aos de Páramo Pictures para que fagan un vídeo musical dando a coñecer a súa aplicación móbil! Hai que denuncialo a Autocontrol! Esixo saber se declararon os pagamentos á Facenda! Porque supoño que aínda que o párroco pagase en especie, os padrenuestros e as avemarías tributarán dalgún xeito, non? Se hai que tributar polos agasallos do banco cando contratas unha conta a prazo fixo, supoño que os investimentos espirituais terán un tratamento semellante. 😜

NOTA: Se alguén pensa que o patrocinio desta peza de branded content podería ser cousa do fabricante do teléfono, que se fixe ben como a moza que sostén o LG G3 sitúa estratexicamente o seu dedo índice para tapar o logotipo da marca surcoreana, deixando claro que o que buscan destacar é a aplicación móbil do párroco 2.0.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS