Unha das series de televisión infantís das que gardo un mellor recordo é, sen lugar a dúbidas, a dos Pequeñecos, versión infantil dos Teleñecos que en vez de presentarse en forma de marionetas de felpa eran debuxos animados, o que permitíalles máis liberdade á hora de contar as aventuras da ra Gustavo, a porquiña Piggy, o chistoso oso Fozzie, o carismático Gonzo, o salvaxe Animal e outros pequenos cando estaban lonxe da mirada da señorita Nanny, a quen nunca se lle vía a cara. Todo iso aderezado cunha sintonía máxica:
Aínda que a serie a vía normalmente en español, facíame bastante ilusión poder vela en inglés subtitulada en portugués cando veraneaba en Rianxo (dende onde era doado recibir a RTP cunha simple antena de cornos), de xeito que a marca dos Muppet Babies a teña moi presente, de aí que me faga moita ilusión o anuncio que fixo a Disney hai unhas horas: comezou a produción dunha nova serie dos Pequeñecos para primeiros de 2018.
O máis curioso desta nova serie é que, aínda que na primeira imaxe promocional da mesma pareza estar protagonizada por marionetas de verdade, realmente estamos ante unha serie de animación por ordenador que emitirase na canle Disney Junior. Os avances dos gráficos computerizados permiten que este nivel de realismo xa non se limite ao cine, senón que tamén podamos velo en televisión, o que permitirá unha maior afinidade cos personaxes, e sospeito que tamén vai contribuír moito á mercadotecnia, xa que poderanse mercar bonecos dos protagonistas que serán unha auténtica preciosidade.
A nova serie estará dirixida a cativos de entre 4 e 7 anos e cada entrega estará formada por dúas historias de 11 minutos, de xeito que teñen moitos elementos para poder converterse en todo un éxito internacional (está prevista a súa estrea en 35 países e 27 linguas) que como grande reclamo ten que moitos pais dos nenos de hoxe coñecen aos personaxes, polo que é de esperar que confíen nos mesmos para o lecer da súa proxenie.
Peeequeeeñeeecooos, podéis imaginaaar… 🎶