Escuadrón Suicida: o engano do verán

Aínda que a película que máis ansío este verán é a de Star Trek, tiña esperanzas postas na do Escuadrón Suicida, xa que os tráilers daban a entender que...

escuaron_suicida_IMG_20160805_155757

Aínda que a película que máis ansío este verán é a de Star Trek, tiña esperanzas postas na do Escuadrón Suicida, xa que os tráilers daban a entender que arranxarían a desfeita de Batman v Superman e introducirían un ton distinto no Universo DC cinematográfico. Errei.

Estamos ante unha película do montón, bastante predicible, con moitos personaxes que non pintan nada e cun argumento extraordinariamente chorra, que claramente gravouse como un filme de acción e tiros, pero que nalgún momento antes da estrea, vendo que o público gustaba de Guardianes de la Galaxia e Deadpool, decidiron meterlle toques de humor que serían o que podería ter dado pé a unha produción xenial pero que, pola contra, non foi dabondo, o que precisamente é o que está a valerlle tan malas críticas.

Por que a xente pon a parir o filme? Pois moi claro: porque venderon outra cousas. Se vemos o último trailer longo teremos claro do que falo:

Vedes a secuencia graciosa do final no bar, con Harley Quinn facendo de camareira e vendo razoable que Diablo non beba alcohol porque sería perigoso? Pois non sae na película! Incluso pareceume que a polémica frase de Will Smith de “vamos a salvar el mundo” non se pronunciaba en todo o filme, ou sexa, que os tráilers irían por un lado e a montaxe final por outro, o que é directamente un engano, de aí que a xente vise frustradas as súas expectativas.

Pero entremos en materia… (CON SPOILERS)

personaxes

Os personaxes

Resulta bastante evidente que a Warner co Escuadrón Suicida quixo imitar os pasos da Marvel con Guardianes de la Galaxia, ou sexa, coller un grupo que non coñecía case ninguén para poder facer con el o que lle dese en gana, pero manténdose no mesmo universo que o resto de pelis. Até aí todo ben. Pero unha vez que se poñen a elixir os integrantes do Escuadrón coido que meteron bastante a zoca, porque a meirande parte de integrantes non pintan nada e, de feito, trátanos así no guión. O grupo está formado por Deadshot, Harley Quinn, Boomerang, Diablo, Killer Croc, Encantadora e Silpknot, capitaneados por Rick Flag, quen está acompañado por Katana e baixo as ordes de Amanda Waller.

Parecen moitos personaxes, pero realmente os protagonistas son Deadshot (que aínda que non fai practicamente nada, como é Will Smith ten que chupar cámara) e Harley Quinn (que está aí simplemente porque vende), xunto con Rick Flag, e se eliminamos da metraxe a Boomerang, Diablo, Killer Croc, Slipknot e Katana… non mudaría a historia en nada!

Logo tamén anda por aí o Joker, que pese a que dicían que só tiña un cameo, sae un pouco máis do que se esperaba hai uns meses (aínda que loxicamente non ten tanto protagonismo como nos tráilers porque a película non se titula Joker & Friends.

A trama

Aquí está a nai do año. Nun principio o Escuadrón Suicida é un grupo de elite que ten que facer operacións encubertas, de xeito que se algún dos integrantes fracasa, déixano á súa sorte ou incluso mátano directamente xa que son prescindibles. Pero a misión da película non vai por ese rego, o que non ten ningún sentido, xa que o inimigo a bater non é outro que a Encantadora, que non é un metahumano, senón un personaxe místico, polo que todo carece de sentido. Para que mandar a un grupo de xente que só sabe pegar tiros e repartir hostias para derrotar a un ser máxico que quere destruír o mundo? Até en Arrow buscaban algunha solución máxica para derrotar a Damien Darhk.

Encantadora

Realmente o grande spoiler é dicir que a Encantadora é a mala, pero iso sábese xusto despois de presentar aos personaxes, porque é a primeira misión do Escuadrón, ou sexa, que non é un spoiler moi grande, pero si deixa clara unha cousa: no tráiler non se vía nada diso. De feito, nas promocións da película non se vía o auténtico mal ao que se enfrontaban os malos, que resulta que de malos teñen moi pouco (case parece que os únicos malos de verdade son o Joker e a Encantadora).

escuadron_suicida_chorro

O máis chungo de todo é que, cando a Encantadora desata os seus poderes, aparece Midway City cunha especie de raio de enerxía no medio, rodeado de cascallos e lóstregos, e tiña toda a pinta de que estaba a ver a peli de Cazafantasmas que se vai estrear a semana que vén. E iso si que me deu mal rollo!

No que si coincidirá moita xente é que a formación en si mesma do Escuadrón Suicida non ten moita lóxica, xa que tendo baixo control a unha feiticeira case todopoderosa, para que carallo quererían a unha panda de delincuentes perigosos?!

Cousas boas

Pero se non enganasen coa promoción do filme a cousa non sería tan grave, e estariamos simplemente ante unha película de xénero. Que non ten sentido que o Escuadrón Suicida se meta nunha misión que parecía feita para a Justice League Dark? Por suposto! Pero que a peli ten cousas boas? Tamén.

Para comezar, a banda sonora é unha auténtica pasada, con temas como Bohemian Rhapsody, Seven Nation Army e unha chea de temas clásicos que non figuran no álbum musical que leva o título da película como Sympathy For The Devil, Super Freak (tema que recibe a Harley Quinn), Paranoid, House of the Rising Sun ou You Don’t Own Me.

Amor Loco

Logo, para os que coñezan de toda a vida a Harley Quinn, de seguro que lles fixo ilusión ver o seu traxe clásico e o xeito no que contaron a historia de Amor Loco na peli. A estética do Joker gustará máis ou menos, pero coido que non fixeron un mal traballo adaptando a orixe da Harley.

Katana

A nivel visual a película ten unha boa factura, sempre tendo en conta que estamos nunha peza máis do quebracabezas de DC. As secuencias de acción están bastante ben conseguidas; a aparencia de personaxes como Harley Quinn, Katana ou o Joker teñen o seu punto; e conseguiron crear bastantes momentos videoclipeiros sen chegar a abusar da cámara lenta (aínda que chégalle ben a que hai). Vaia, que cando menos non parece unha película de Michael Bay!

Unha mágoa que a trama principal sexa unha traballada, o que leva a unha chea de momentos WTF, que nin sequera os cameos de Batman e The Flash chegan a compensar. Vaia, que nin é o desastre que din os máis críticos, nin é a salvación do Universo DC cinematográfico como esperaban outros; pero o que si está claro é que trátase dunha tomadura de pelo ao público por vender unha cousa moi diferente ao produto final.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS