Cando era cativo e chegaban as vacacións de Nadal, era bastante habitual que programasen na televisión as películas de animación de Charlie Brown, con dobraxe latina, que non estaban nada mal, aínda que eran unha cousa un tanto rara para quen non lera as tiras cómics de Carlitos y Snoopy, por cousas como o contraste entre o que fan os nenos (bastante adultos) e as aventuras do cadelo (moi soñador), ou incluso por algo tan rechamante como poder ver a Snoopy vendendo cervexa coma un tolo.
Os anos non pasan en balde na obra de Charles M. Schulz, pois hai que recoñecer que ten 66 anos, pero dado que publicáronse durante medio século, o seu recoñecemento como clásico é inevitable. Estamos nun deses fenómenos culturais que arrasaron nos anos 60 nas pantallas dos EE.UU. e, ao igual que agora nos parece unha xoia o Batman de Adam West, a franquía de Peanuts tamén merece un espazo nos nosos corazóns, pese á sombra que proxectou sobre a banda deseñada o feito de que Snoopy fose durante moito tempo unha icona da xente pija.
Se nos desprendemos de prexuízos non podemos máis que recomendar achegarse ao cine a partires do día 25, non para ver unha vez máis El Despertar de la Fuerza, senón para darlle unha oportunidade a Carlitos y Snoopy: La Película de Peanuts.
O tráiler é magnífico, e as primeiras críticas tamén poñen o filme polas nubes. Non será a película do ano, pero os que coñezan os personaxes e gusten dunha boa animación (o 3D disfrazado de 2D quedoulles resultón) deberían gozar en pantalla grande desta obra ou, como mínimo, deixar gardado este título na listaxe de filmes pendentes para ver en canto cheguen ao mercado doméstico.
Que tras Astérix: La residencia de los dioses chegue este filme de Snoopy dá a entender que as vellas franquías aínda poden dar moito de si, e que é posible chegar ao público actual revitalizando os clásicos.
Debe estar conectado para enviar un comentario.