ExpOtaku volve con forza

O ano pasado ExpOtaku fora unha cousa de tolos, cun volume de asistentes esaxeradísimo, polo que parecía difícil de superar, pero parece que dende a organización tomaron nota e...

videoxogos e cosplay

O ano pasado ExpOtaku fora unha cousa de tolos, cun volume de asistentes esaxeradísimo, polo que parecía difícil de superar, pero parece que dende a organización tomaron nota e nesta nova edición mudaron a disposición do espazo potenciando a presenza das tendas e dos videoxogos e reducindo o escenario.

Haberá que agardar para ver se foi un acerto, pero a min cando menos que a zona de tendas non fose asfixiante resultoume agradable, transmitindo unha sensación de liberdade que era moi de agradecer.

Nintendo dándoo todo

torneo de Nintendo

Non é ningunha sorpresa que Nintendo leva uns anos bastante mal, tras o fracaso da Wii U, pero agora que renovou as súas consolas portátiles e lanzou as figuras amiibo parece estar a recuperar posicións, de aquí que estean a apostar por ter unha grande visibilidade, o que este ano traduciuse nunha zona de proba de consolas New Nintendo 3DS moi completa, na que non faltaban novidades como Codename S.T.E.A.M., torneos a numerosos xogos, clases mestras de expertos en Pokémon e incluso un par de photocalls que estaban amenizados por un home que levaba a Máscara de Majora.

Quedou claro o compromiso de Nintendo con ExpOtaku, e cos seus coidados expositores transmitían unha sensación de espazo profesional que elevaba varios puntos a imaxe coa que se sae do recinto.

Moitos máis xogos

Pero non só de Nintendo vive o friki, e tamén había torneos de moitos outros xogos, numerosas consolas modernas e clásicas á que poder botar unha partida, xogos musicais… Deume a impresión de que esta é a edición de ExpOtaku na que os videoxogos teñen máis presenza (con bastante diferenza).

Desenvolvedores independentes

Incluso estaba presente a xa habitual zona para compañías galegas de videoxogos, que organizan cadanseus concursos e difunden así o seu traballo.

Colectivo Miñoco

E seguindo con independentes, un colectivo de debuxantes local tamén contou con expositor, no que se podían ver dende fanzines até postais, entre as que destacaba bastante material retro e con influenzas xabarínicas.

Kikomic

Curiosamente só unha libraría especializada en banda deseñada da Coruña quixo estar en ExpOtaku, Kikomic, combinando a venda de manga coa de cómic norteamericano e bastante merchandising. Estaban bastante ben unhas ilustracións enmarcadas e a selección de camisetas que levou á feira.

Yo soy Groot

En Kikomic tamén tiñan a figura oficial de Baby Groot, que é unha pasada, o que fíxome bastante graza polo feito de que tamén vin versión do personaxe feita con amigurumi e hama beads.

Tendas, tendas

Pero se algo hai este ano no certame friki, iso son tendas. Lembro que xa no BOOM, Film and Comic de Vigo quedara impresionado polo nivel, pero desta volta en ExpOtaku superáronse, e incluso é posible que se pasasen da raia, xa que había quen pensaba que a oferta era excesiva, pois unha tarda non chegaba para velas todas con certo detalle.

Entre o merchandising que alí había sorprendía a aínda fortísima presenza de As Bolas Máxicas, a enorme variedade de cousas feitas a man con temática friki, as figuras tridimensionais feitas con hama beads, o curradísimas que estaban as pezas que tiñas os de Steam Retro e, moi especialmente, o expositor con réplicas de espadas, que por raro que pareza, até tiñan bo prezo! Había que esforzarse para non sucumbir á tentación e non levar unha espada para casa!

Cosplay

E si, aínda que eu só fun polo momento o venres, xa vin bastantes cosplays chulos, como os da Princesa Mononoke, o Capitán América, Loki, Hellgirl… e incluso botei unhas risas coa rapaza que ía de Vocaloid, pois bailaba coma se lle fose a vida nelo!

Hoxe era o concurso de cosplay, polo que a presenza de xente caracterizada sería moito maior, pero tiven que conformarme con velos a través das redes sociais e do Telexornal da Galega:

Mañá mirarei de pasar pola tarde, e espero que me sorprendan con moitos máis cosplay de calidade (especialmente as mozas de Funtastic Workshop, que comentáronme que tiñan pouco material á venda porque centráranse este ano precisamente no cosplay).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS