Portugal estrea Comic Con o mes que vén

Como grande afeccionado aos eventos frikis coruñeses, non podo deixar de sentir entre expectación e envexa da que están a montar en Portugal, pois para os días 5, 6...

Comic Con Portugal

Como grande afeccionado aos eventos frikis coruñeses, non podo deixar de sentir entre expectación e envexa da que están a montar en Portugal, pois para os días 5, 6 e 7 de decembro teñen programada a primeira edición da Comic Con Portugal, encontro que para os galegos pode resultar moi atractivo por celebrarse en Exponor (Porto) e por ser unha interesante achega ao formato que tanto éxito ten nos EE.UU. no que mesturan banda deseñada, series de televisión e videoxogos, aínda que a distancia coa Comic-Con de San Diego é abismal.

Morena BaccarinO máis interesante da feira parecen ser os seus convidados de series televisivas, pois estará a atractiva Morena Baccarin (á que lembramos con moito cariño os seareiros de Firefly, pero que ultimamente puidemos ver tamén facendo de malvada en V, de sufrida esposa en Homeland ou con pequenas pero magníficas intervencións en El Mentalista), a rechamante Natalie Dormer (a Margaery Tyrell de Game of Thrones, que tamén conta con papeis importantes en Los Juegos del Hambre, Elementary e Los Tudor), o menos coñecido Paul Blackthorne (ao que agora a xente recoñece por encargar ao policía Quentin Lance en Arrow, pero que para min será sempre máis destacable polo seu papel protagonista en Dresden, unha serie fantástica moi entretida e que pasou sen pena nin gloria por Cuatro) e os protagonistas masculinos de Los Demonios de Da Vinci (aínda que Tom Riley sexa o prota, sospeito que a xente vai preferir sacar fotografías con Blake Ritson, quen interpreta ao cabronazo de Riario). Tamén haberá algún representante de The Walking Dead e Wayward Pines por anunciar.

Brian K. VaughanPosiblemente os autores de comics que asistirán resulten máis curiosos dende A Coruña pois, se esquecemos a presenza estelar de Brian K. Vaughan (Ex Machine, Y: The Last Man, Saga, Private Eye…), contará con figuras como Carlos Pacheco (convidado na primeira edición de Viñetas desde o Atlántico), Miguelanxo Prado (o corazón do propio Viñetas), Marcos Martín ou Javier Rodríguez (convidados na última edición de Viñetas), o que fai que aniñe en min a esperanza de que Prado convenza a Vaughan por que se pase pola Coruña un ano destes a falarnos da súa obra.

Tras unha primeira edición da Comic Con Portugal poderemos ver se é un evento de segunda fila, unha cita imprescindible para os que poidan achegarse até alí, ou unha copia de Viñetas desde o Atlántico cun maior apoio empresarial e institucional. Iso si, moi ben non comezan, pois a menos de dúas semanas da feira aínda non teñen pechado o seu programa, o que é un grande problema para os que queren asistir dende lonxe. Unha carencia que teñen moitos eventos e na que cómpre insistir para que cada vez aconteza menos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • BBC News faise viral até en Galicia

    Nos últimos días causou furor un vídeo de BBC News no que o profesor Robert Kelly, mentres estaba a falar en directo mediante videoconferencia sobre a destitución da presidenta...
  • Os Teletubbies preguntan que che pica

    Robert Jones, un deses tolos que fai vídeos bastante entretidos para YouTube, como no que mestura escenas de películas dos anos 90 na que pode verse á xente bailand...
  • Novo tráiler da película de Wonder Woman

    Tras varios teasers que foron poñéndonos os dentes longos, por fin temos o novo tráiler do filme de Wonder Woman protagonizado por Gal Gadot. Desta volta amósanos un chisco...
  • A CIA non me espía 😪

    Esta mañá achegueime ao programa A Revista Fin de Semana da Televisión de Galicia, para falar das últimas filtracións de WikiLeaks, nas que daban a entender de xeito sensacionalista...