Televisión Española vai facernos un grande agasallo aos amantes da ciencia ficción ao emitir dentro do seu espazo Somos Documentales, que se emite os xoves ás 22:00 horas a serie documental de BBC America The Real History of Sicence Fiction, na que en 4 episodios (que aquí veremos repartidos en 2 noites) exploran dende Star Wars até 2001: Una Odisea del Espacio, e dende Parque Xurásico e Doutor Who, repartindo o contido en catro temáticas ben diferenciadas: Robots, Espazo, Invasión e Viaxes no Tempo.
O primeiro episodio abordará a exploración espacial, con grandes sagas como Star Wars e Star Trek, chegando a obras como 2001, Avatar e mesmo Alien, de xeito que teremos unha grande variedade dun xénero que demostrou en numerosas ocasións ter unha grande riqueza, por servir de escusa para integrar practicamente calquera tipo de historia. Dado que Está confirmada a presenza de Nathan Fillion na serie documental, espero que fagan un bo aceno a Firefly, serie da que supoño que falarán tras Star Trek, por comentar o fenómeno de produto televisivo cancelado que convértese en obra de culto.
A segunda entrega está dedicada ao contacto dos extraterrestres, con obras como E.T., La Guerra de los Mundos, Independence Day e Men In Black, que nun principio non parece moi interesante, senón fose porque meterán no allo a Expediente X, La Cosa e ao propio Doutor Who.
Para a semana que vén comezaremos co episodio destinado aos robots, nos que dende os droides de Star Wars até Terminator e Robocop terán o seu papel, aínda que supoño que o que resultará máis fascinante é a visión que darán sobre Blade Runner, pois para algo terá a Rudger Hauer entre os convidados.
E para pechar a serie, as viaxes no tempo, que irán dende o clásico La máquina del tiempo, até Doutor Who e Regreso al futuro, aínda que eu teño máis gañas de ver se lembran non só á magnífica Salto no Tempo, senón tamén as películas de Bill e Ted.
Sen dúbida estamos ante dúas citas imprescindibles para os que gustamos das series de televisión e as películas dun xénero fantástico que en numerosas ocasións consegue conectar co futuro e presentarnos visións tanto utópicas como distópicas do mesmo.
Debe estar conectado para enviar un comentario.