PonoPlayer, a tomadura de pelo que trunfa en Kickstarter

Esta tarde tivemos a honra de contar con Cristina Pato no Banda Ancha da Radio Galega: Falando coa multifacética artista saíu o...

Cristina Pato

Esta tarde tivemos a honra de contar con Cristina Pato no Banda Ancha da Radio Galega:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Falando coa multifacética artista saíu o tema do PonoPlayer, reprodutor musical promovido por Neil Young que actualmente é o cuarto proxecto con máis cartos achegados a través de Kickstarter con 4,6 millóns de dólares, polo que é de agardar que en poucos días chegue a un terceiro posto superando á película de Veronica Mars. ¿Que ten de especial este trebello? Nun principio nada, pois sería un reprodutor musical relativamente básico, que apostaría por formatos de audio sen compresión (ou sexa, os típicos ficheiros FLAC) pero que, en vez de conformarse coa calidade do CD, optaría por incrementar por 6 o volume de datos de cada ficheiro, xa que en vez de rexistrar o audio a 44,1 kHz e 16 bits (1.411 Kbps) optaría por 192 kHz a 24 bits (9216 Kbps), prometendo unha maior calidade sonora grazas a esta ultra alta resolución, o que non é outra cousa que un termo de marketing para sacarlle os cartos á xente, tanto polo reprodutor como pola música en tal formato (dobre negocio).

PonoPlayer

Este engano baséase na analoxía que establece a xente cando falamos de alta resolución, pois comparámola coa resolución fotográfica, na que os detalles poden apreciarse a simple vista (ou ampliando), pero tal comparación co son non pode aplicarse, xa que non por máis mostras imos ter unha mellor calidade sonora para o consumo (outro falar sería para a produción dos discos). Se atendemos a principios teóricos do son (teorema de Nyquist) e a probas empíricas (experimentos realizados hai anos) temos que para un ser humano a calidade sonora dun CD (sempre que falemos de 2 canles) é insuperable (de feito, a meirande parte da poboación non ten un oído perfecto, polo que o CD tería un rexistro superior ao ouvido medio). Sobre o tema podemos ler un interesante artigo de Mario Aguilar para Gizmodo.

¿Como estou tan convencido de que a carallada de Pono Music é un saca-cartos? Pois porque a industria musical xa o intentou hai anos con 2 formatos (o SACD e o DVD-Audio) e curiosamente a calidade estéreo máxima do DVD-Audio era 192 kHz a 24 bits. ¡Caramba, que coincidencia! E estamos a falar dunha tecnoloxía comercializada dende o ano 2000, que intentou callar, pero que cando se comprobou que as gravacións nos novos formatos non tiñan diferencias perceptibles para seres humanos, a demanda destes soportes derrubouse, e só se manteñen para certos tipos de gravacións con son envolvente.

Para máis inri, tamén podemos comentar que estamos a falar dun reprodutor musical portátil, ou sexa, que a calidade da recepción sonora dependerá máis dos auriculares que empreguemos que do formato no que estean os ficheiros reproducidos.

Non vexo ningún sentido a pagar 300 dólares por un trebello básico para escoitar música, cando por eses cartos podemos ter un iPod classic, un iPod Touch ou incluso un smartphone, que servirían para moito máis que un trebello que parece pensado só para hipsters que queren presumir de audiófilos, cando posiblemente teñan o ouvido atrofiado (se a partir dos 28 anos non podemos escoitar o clásico son mosquito tamén estamos a perder moitos outros matices ao escoitar música, e se de novos frecuentamos discotecas ou escoitabamos música a todo meter con auriculares a cousa seguro que está moito peor do que imaxinamos). Ao final estamos ante a mesma estramoniada que os discos de vinilo (por moitos que os defendan algúns, tal soporte non ten nin calidade nin resistencia, e no único no que supera a outros formatos é no tamaño das súas portadas, que quedan moi bonitas… pero a música é para escoitar, non para ver).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Os Teletubbies preguntan que che pica

    Robert Jones, un deses tolos que fai vídeos bastante entretidos para YouTube, como no que mestura escenas de películas dos anos 90 na que pode verse á xente bailand...
  • A CIA non me espía 😪

    Esta mañá achegueime ao programa A Revista Fin de Semana da Televisión de Galicia, para falar das últimas filtracións de WikiLeaks, nas que daban a entender de xeito sensacionalista...
  • Marcus, p.i. na Radio Galega

    Seguindo unha broma sobre a sintonía da miña sección no programa A Tarde da Radio Galega, pedín ao actor Miguel Pernas que berrase o meu nome para metelo na...
  • Xabaríns na USC

    A semana pasada en Código Cero dimos conta da estrea do xogo Xabaríns na USC, do tolambrán Juan Gestal, a quen ultimamente temos facendo das súas pola cidade da...