Para completar o meu repaso da edición deste ano de ExpOtaku, teño que comentar que foi moi agradable atopar alí a Fernando Prieto do estudo coruñes de videoxogos Gato Salvaje, que estaba a queimar os últimos cartuchos para dar pulo ao seu proxecto que micromecenado en Kickstarter para conseguir financiamento para completar o seu xogo AR-K.
Como dar atractivo de cara a un público internacional a un xogo desenvolvido dende España hai que chamar a atención dalgún xeito, decidiron realizar fichaxes de luxo para revitalizar AR-K, de xeito que na versión en inglés do xogo contará cunha das actrices de dobraxe da saga Mass Effect e nos seus dous últimos capítulos terán a un guionista de excepción, Greg Rucka, escritor de historias en series de comics como Gotham Central, Action Comics, Punisher, Wonder Woman, Batman… e para deixar contancia na Coruña do feito, convidaron ao autor a facer unha videoconferencia por Skype durante as últimas horas de ExpOtaku, de xeito que os asistentes podiamos facerlle preguntas.
Fernando animoume a falar un pouco con Rucka, e así comentoume un pouco sobre o que pensa da elaboración de guións para distintos medios, das posibilidades do transmedia, do que supón o salto do cómic ao dixital (considera pouco atinado que se faga un traslado directo do papel á pantalla) e as problemáticas que xorden ao contar con plataformas dixitais de distribución case monopolísticas (ComiXology). Rucka ten cousas interesantes que contar, e sería unha sorte que, aproveitando que está a colaborar cunha empresa da cidade, dende a organización de Viñetas desde o Atlántico procurasen traelo durante a feira do cómic, para compartir cos lectores as súas impresións.
Finalmente o Kickstarter de Gato Salvaje foi todo un éxito, e por iso hoxe falamos con Fernando Prieto un anaco durante o programa Banda Ancha da Radio Galega:
Esperemos que o estudio de Gato Salvaje consiga manterse activo moito tempo, e tras AR-K achéguenos moitas máis producións Made In Galicia.
Debe estar conectado para enviar un comentario.