Para prepararse a ver o especial do Doutor Who que celebra o seu 50º aniversario non podo deixar de recomendar ver antes un telefilme da BBC, An Adventure in Space and Time, que estreouse o xoves pola noite no Reino Unido, e no que viaxan a 1963 para contar os inicios da serie de televisión máis longa da historia centrándose na figura do primeiro Doutor, William Hartnell, interpretado por un magnífico David Bradley, a quen podemos lembrar polo seu papel de Argus Filch nas películas de Harry Potter, ou máis recentemente interpretando a Walder Frey en Juego de Tronos ou ao tolo e antisocial Basil en Bienvenidos al Fin del Mundo. Realmente soubo encarnar a xénese dunha lenda, emocionando tanto na evolución da personalidade de Hartnell como ao amosar a súa decrepitude.
Gustei tamén da aparición de Brian Cox no papel de Sydney Newman, e moitos tamén recoñecerían a Jessica Raine (protagonista de ¡Llama a la comadrona!) encarnando á produtora Verity Lambert.
Aínda que o mellor de ver este docudrama é que serve para pór en contexto o que supón a longa historia do Doutor Who, da que en Galicia non tomamos parte ata que a TVG emitiu os episodios de Tom Baker, deixando claro que incluso un personaxe orixinal túzaro e rosmón conseguiu gañarse á audiencia, converténdose nun fenómeno.
Recoñecer a figura de Hartnell como o Doutor orixinal honra aínda máis aos seus sucesores, e aínda que para medio mundo o actor máis recoñecible por tal papel sexa Baker (e na etapa actual, Tennant), todos cargan cun manto moi pesado do que esperemos que Peter Capaldi sexa un excelente portador.