A auga non impediu a carreira polos 21 do Camiño

A I Media Maratón Palas-Melide foi todo un éxito pese a chuvia, e como acudín á chegada melidense, quixen compartir cos asistentes unha galería fotográfica en Facebook na que...

Pedro Nimo chegando a meta

A I Media Maratón Palas-Melide foi todo un éxito pese a chuvia, e como acudín á chegada melidense, quixen compartir cos asistentes unha galería fotográfica en Facebook na que hai moita fotografía movida e desenfocada, pero deixeinas todas igual por se a alguén lle fai ilusión atopar a instantánea da súa chegada á liña de meta.

Cando cheguei á carpa instalada no Cantón de San Roque, estaba todo preparado para recibir aos competidores, con refrixerios achegados por patrocinadores como a Casa Alongos, a xente de Champion Chip con todo preparado para rexistrar os tempos dos corredores, e incluso un podio que, aínda que non destacou tras a maratón, se atopou uso por parte dun par de veciños que souberon sacar proveito de tal elemento. [icon icon=”0034.png”][/icon]

O ambiente no parque era moi cordial, con xente sacando fotografías, todos falando uns con outros…

As mostras de cordialidade notábanse ata na chegada á meta, con corredores que deixaban a un lado a pura competición e collíanse das mans para cruzar xuntos a liña.

De feito, non foron poucos os que, pese ao esforzo que viñan de realizar, completaban o traxecto cun sorriso na cara, saudando ao público ou facendo xestos graciosos.

No caso dos país a cousa aínda foi máis aló, e non foron poucos os que cruzaron a liña de meta cos seus cativos.

Aínda que non todos foron quen de disimular o esforzo ao que estaban a someter aos seus corpos e as súas caras eran todo un poema na chegada á meta.

Outras chegadas á meta foron máis variadas, con Pedro Nimo quitando máis de 2 minutos ao seguinte corredor (como podemos ver nos resultados da carreira que publican os de Champion Chip Norte), algúns apurando nos últimos 10 metros para gañar posicións, outros chegando a ritmos moi dispares (sorprendía ver como algún dos primeiros viña relativamente lento, mentres que entre os últimos postos chegaban moitos a fume de carozo e con cara de velocidade) e incluso fíxome graza como algún abría os brazos e parecía que ía botarse a correr en plan Arale Norimaki.

A entrega de premios foi posiblemente o punto negro da xornada, pois non había palco (de xeito que a entrega realizábase ao mesmo nivel que o público) e algúns gañadores non estaban presentes (ou estaban duchándose ou non se decabatan de que gañaran un galardón na carreira). Pero o caso é que rematouse cun cuarto posto para un melidense (Óscar Lugrís), o que non está nada mal.

E non podo rematar sen comentar que dende a asociación local de seareiros da fotografía, Enfócame, tomaron numerosas instantáneas do percorrido da carreira, deixando constancia da fermosura do traxecto, que foi un dos detalles que máis destacaron os competidores que viñan de fóra. Iso, sen dúbida, contribuirá a que nunha segunda edición aínda acuda máis xente a correr, e así poidan superarse os 272 inscritos e achegarse incluso aos 500, o que entendo que pasará sen dificultade sempre que o prognóstico meteorolóxico sexa máis propicio o ano que vén.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS