O campionato galego de tiracroios chega á súa sétima edición en Melide

O vindeiro luns desenvolverase na vila de Melide o VII Campionato de Tirapedras da Galiza Central, segundo contan no comunicado que veño de recibir: Por sétimo ano consecutivo, o...

tirapedras_01

O vindeiro luns desenvolverase na vila de Melide o VII Campionato de Tirapedras da Galiza Central, segundo contan no comunicado que veño de recibir:

tirapedras_02Por sétimo ano consecutivo, o casco histórico da vila de Melide será o escenario de actividades de posta en valor dos xogos tradicionais, recuperando algúns dos seus espazos públicos a súa función ancestral de espazos de xogo, aínda que só sexa por unha horas.

O acto central será o VII Campionato de Tirapedras da Galiza Central, unha proba que se celebrará o luns, 19 de agosto, a partir das 11.15 h. na Praza das Coles. Na edición de 2012 participaron un total de 50 tiradores e tiradoras, pero na presente edición todo indica que o número de concursantes vai ser superior, dada a expectación creada. Basicamente, cada competidor dispoñerá de seis lanzamentos contra tres dianas (de diferente valor –e dificultade- cada unha delas). Ao final, as tres persoas que acaden as máximas puntuacións en cada categoría serán as gañadoras.

tirapedras_03No Campionato non existe distinción por sexos, aínda que si por idades. Os nenos/as de entre 8 e 14 anos lanzarán a unha distancia duns cinco metros e terán os seus propios premios. Os maiores desa idade, lanzarán a uns dez metros. Debe terse en conta, así e todo, que nos xogos tradicionais as regras foron sempre acordadas antes de comezar cada xogo; precisamente por iso a organización tratará de respectar os puntos de vista consensuados entre os participantes antes de comezar a competición, razón pola cal as distancias poderán ser levemente modificadas, segundo as dificultades que se observen nas tiradas de adestramento.

O evento está organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, entidade que leva desenvolvidas ao longo de toda a xeografía galega máis de 300 actividades de divulgación do patrimonio lúdico tradicional. Na presente edición o Campionato conta co patrocinio da Adega O Mandil, e co apoio do Concello de Melide e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira.

A competición terá o seguinte regulamento:

· Establécense dúas categorías: 1ª) De 8 a 14 anos; 2ª) A partir dos
14 anos cumpridos.
· Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada
categoría. Competirase polo sistema de eliminación directa.
· Cada tirador/a dispoñerá de seis (6) lanzamentos, podendo
efectualos libremente a calquera das tres dianas (de entre 4 e 9
cm) existentes. Na maior conseguirase un (1) punto por cada
lanzamento acertado, na mediana dous (2) puntos, e na máis
pequena tres (3) puntos.
· A distancia de lanzamento será de cinco (5) metros para a
primeira categoría e de dez (10) metros para a segunda.
· Os empates nos tres primeiros postos de cada categoría reX
solveranse por sucesivas quendas de seis (6) lanzamentos.
· Os tirapedras serán construídos con galleto de madeira, ligas
(lisas, non redondas) de caucho ou látex e badana de coiro. A
organización dispoñerá de tirapedras.
· Ás 11.15 h. comezará a competición para a primeira categoría.
Haberá tiradas de adestramento desde as 11.00 h. Antes do
comezo da competición para a segunda categoría, tamén haberá
tiradas de adestramento. Só poderán adestrar as persoas inscritas
no Campionato.
· A orde de tirada decidirase por sorteo.

E as inscricións poderán realizarse na Libraría Parrado, na mesma Praza das Coles antes do comezo da competición ou por correo electrónico. Teño que preguntar a ver se aceptan tiracroios guiados por GPS…

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS