Viñetas desde o Atlántico baixo as nubes

Esta tarde baixei ata os Xardíns de Méndez Núñez para ver o ambiente que había polas casetas de Viñetas desde o Atlántico, aproveitando en boa medida que non facía...

entrada de Viñetas desde o Atlántico

Esta tarde baixei ata os Xardíns de Méndez Núñez para ver o ambiente que había polas casetas de Viñetas desde o Atlántico, aproveitando en boa medida que non facía moita calor e mesmo caían algunhas pingas de cando en vez, o que non son as mellores condicións para pasear pola cidade, pero resulta moi cómodo se queres compartir uns intres cos amigos e poder ollar o material á venda sen sentirte acosado por outros curiosos.

Kómic na Feira do Libro

O primeiro que me sorprendeu desta edición, que está a ser rarísima por coincidir coa Feira do Libro, é que a libraría compostelá Kómic estaba presente en ambos espazos, sendo a única que fixo tal, aínda que entre as librarías xerais o seu público era moi diferente (francamente non imaxino ao fulano do paraugas rosa rodeado de frikis).

Coido que a mestura de ambas feiras é un grande erro, pois non teñen o mesmo público e incluso fan que a feira do libro perda moito peso, pois aínda que as autoridades non dean moito valor á banda deseñada, é innegable que ten moito máis atractivo mediático que o libro xeral (pois as feiras do libro non teñen nada de peculiar, e só poden destacar se traen a algún autor estelar).

Non era pouco o público asistente á zona de casetas de Viñetas, aínda que sen o agobio que de seguro vivirase a fin de semana, demostrando unha vez máis que este tipo de eventos achegan a certo público ocasional ao mundo do cómic, o que é moi de agradecer. Moita xente só adquire tebeos unha vez ao ano, polo que encontros deste tipo son un incentivo moi importante para un sector da cultura que ten moita vida máis aló de Mortadelo e Superman.

Non faltaba xente facendo cosplay, pero polo que puiden escoitar, a xente está a reservar as súas mellores galas para o sábado, cando terá lugar un concurso de cosplay que este ano promete ser impresionante (sospeito que ExpOtaku e a Hobby Con contribuíron a que as persoas participantes buscasen levar as súas vestimentas un paso máis adiante). Unha mágoa que a fin de semana non vaia quedar na Coruña, porque de seguro que vai ser unha competición divertida.

Na carpa que hai no medio da Rúa da BD (ou Paseo de Coches de toda a vida) tamén había actuacións musicais e competicións de xogos de mesa e videoxogos; actividades que de seguro agradecerán os que vaian pasar moitas horas por alí, pois unha vez que xa ves as exposicións, acudes ás charlas que che interesan, e mercas o que podes, o que toca é pasar o tempo o mellor posible e, aparte de falar cos colegas, tampouco está mal poder botar un pique con eles a algún xogo de loita.

E xa que falamos de compras, como esta edición de Viñetas ten a Superlópez como personaxe central, non debería sorprendernos ver practicamente toda a súa obra repartida nas distintas casetas, o que pode ser unha boa opción para conseguir algún clásico do personaxe de Jan ou para facerse con algunha das súas últimas entregas (para os que non o saiban, Superlópez non parou de contar con novas entregas, e este mesmo ano estreou Otra vez el Supergrupo e unha homenaxe ao doutor Who, El ladrón del tiempo).

Para rematar tamén quería comentar que na caseta de Bang Edic One e Mamut Comics non só hai publicacións en papel á venda, senón que tamén teñen videoxogos retro (de Atari 2600, Nintendo 64, Game Boy…) por culpa dun individuo que resulta familiar aos seareiros do youtuber coruñés Wismichu. Moi recomendable remexer entre o que pode verse por alí.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Supergirl promociona o filme de Wonder Woman

    A pasada noite a serie de televisión de Supergirl despediu a súa segunda tempada, e aproveitaron a ocasión para facer publicidade do novo filme de Wonder Woman protagonizado por...
  • En Suíza tamén hai cosplay

    Que actualmente hai convencións fikis por todo o mundo non é ningunha sorpresa, pero sorpréndeme non ter escoitado nunca falar da que montan en Basilea, pois «a Comic Con...
  • Novo tráiler de Wonder Woman

    A menos dun mes para a estrea do filme da Muller Marabilla, temos aquí un novo tráiler, que parece querer amosar máis acción, pero continúa sen deixar ver claramente...
  • Novo tráiler da película de Wonder Woman

    Tras varios teasers que foron poñéndonos os dentes longos, por fin temos o novo tráiler do filme de Wonder Woman protagonizado por Gal Gadot. Desta volta amósanos un chisco...