Nas feiras de cultura alternativa como a Hobby Con as tendas fan un dobre papel, pois son tanto establecementos nos que adquirir produtos que nos interesan como expositores de frikadas que dificilmente atopariamos nos establecementos que visitamos habitualmente. Sen dúbida, unha oportunidade para descubrir frikadas e ampliar as nosas coleccións de comics, películas, camisetas, figuras…
Non faltaban no evento tendas locais, como Todoconsolas e Alita, destacando especialmente esta última por contar entre os seus produtos á venda grandes xoias como a auténtica batimanta (e non a da teletenda) e incluso latas de carne de unicornio. Que non se diga que o friki só se alimenta de banda deseñada e animación.
Pero, aparte de tendas tradicionais con presenza no evento, tamén vendían o seu material numerosos postos que poderiamos considerar de artesanía, entre os que gustei especialmente do de Funtastic Workshop, unhas mozas que están a empezar e que pronto venderán a través de Etsy.com. Entre os seus produtos hai mitóns de Iron Man, a tiara de Sailor Moon, a máscara da princesa Mononoke, un disfraz de Link o de Zelda para bebés, uniformes de superguerreiro… cousas bastante curiosas.
Tamén resultaba bastante curioso un personaxe que non coñecía, Micho Pocho, un minino piltrafilla que co gallo da Hobby Con disfrazouse dos seus heroes, polo que podemos ver ilustracións do micho vestido de Batman, Son Goku, Link, Ezio… Aínda que sempre fun máis de cans, o gatiño ten o seu aquel.
Ao carón do Micho Pocho tamén estaba unha xente moi enrollada, o colectivo de ilustradores Miñoco, que este ano organizaron unha exposición de falsos videoxogos, na que facían deseños de xogos para distintas plataformas, dende clásicas ata modernas, deseñando as súas carátulas e mesmo pantallazos dos distintos títulos. Toda unha currada que non quedou nada mal.
Pero a varidade de establecementos en Hobby Con era incluso maior que a de ExpOtaku, con comics (incluíndo números bastante vellos), roupa friki, figuras, deseños feitos con hama beads, colgantes, posters… e incluso lambonadas. Logo tamén estaban as mozas de Lolita en Nuncaxamais, que máis que unha tenda son unha comunidade da subcultura lolita da que recoñezo ter un grande descoñecemento, pero cando pasei por diante regaláronme unha piruleta, así que toca falar ben delas (aínda que pensándoo ben, se fose eu o que lles regalase unha piruleta a elas… a cousa sería un tanto creepy, ¿non?).
O caso é que en Hobby Con había moitas oportunidades para gastar cartos. Unha mágoa que os nosos cartos non sexan ilimitados e o espazo nos nosos domicilios segue a ser finito, porque en caso contrario montariamos unhas coleccións de infarto.
Debe estar conectado para enviar un comentario.