O melindre, máis de festa que nunca

Teño que recoñecer que a celebración das festas do melindre en Melide son un tanto irregulares, pois nos xa 22 anos de historia do evento adoptáronse distintos formatos, localizacións...

festa_do_melindre_01

Teño que recoñecer que a celebración das festas do melindre en Melide son un tanto irregulares, pois nos xa 22 anos de historia do evento adoptáronse distintos formatos, localizacións e nivel de promoción, aínda que ao final un dos factores decisivos era o mesmo: o tempo.

Pero hoxe tivemos fortuna, e non puidemos queixarnos de que chovese, nin de que fixera tanta calor como para que a xente escapase á praia e, xunto co acerto á hora de dar a coñecer a festa e engadir atractivos á mesma, tivemos unha auténtica festa que, ao coincidir co seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia, dificilmente podería ter saído mellor.

Na Praza do Convento foi onde a Festa do Melindre era máis visible, cos expositores dos establecementos que vendían ricos, melindres e amendoados, e co palco no que houbo actualizacións musicais e o acto de entrega dos diplomas e pins que recoñecían a unha serie de convidados como embaixadores do melindre de Melide, e que comezou cunha divertida intervención de María Mera:

A actriz púxose no papel de Vanesa Viaño, comentando que as cousas en Sardiñeira estaban bastante mal no que a tráfico de drogas se refire, polo que propuxo entrar no negocio do tráfico de melindres, invitando a algunhas das asistentes a exercer o papel de sicario para ela.

Tamén fixo algún comentario sobre o feito de que os melindres son moi viciosos, e que iso pode prexudicar á operación bikini, para apuntar logo que se a feira gastronómica fose a Festa do Melindre Light non estaría Melide cheo de xente. Razón non lle falta. ¿Acaso hai algunha vila galega na que celebren a festa do leite de solla ou da ensalada sen aliñar?

Santos entregando o pin de embaixadora do melindre a María Mera

Distinta autoridades e persoeiros recibiron o recoñecemento de embaixadores do melindre de Melide, pero en vez de pórlles unha cinta charramangueira entregábaselles un diploma e unha insignia, ou sexa, que non vos levedes a engano pensando que Santos pediu matrimonio a María Mera diante de medio Melide.

A encargada de conducir o evento era a presentadora de televisión Raquel Atanes, que non sei como fixo para poder manterse en pé, pois estivo a gravar unha nova entrega de Tu Night ata ás 8 da madrugada. ¡Tremendo aguante! A este ritmo vai quitarlle á ra Gustavo o cargo de reporteiro máis dicharacheiro.

Raquel tamén tivo a ben posar co noso célebre Chicho:

festa_do_melindre_32

 

festa_do_melindre_33

E María Mera tampouco quixo ser menos:

Outro detalle a salientar da festa é que non se limitou a presentar repostaría local, senón que tamén estaba aberta a outras propostas, o que algúns criticaron na vila na pasada edición, pero que a min paréceme un acerto, pois permítese aproveitar o reclamo do melindre para promocionar outros produtos e achéganse outros produtos á nova vila, de xeito que os que podemos gozar da repostaría local todo o ano podamos tamén descubrir outras delicias.

Rematou así a celebración do recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia, agardando que para o ano que vén poida facerse o mesmo co recoñecemento de produto galego de calidade (quedando á altura da Torta de Santiago ou o Pan de Cea, o que sería todo un logro).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS